Plataformas dixitais, unha nova fase do capitalismo

Eduardo Camín -

Do mesmo xeito que o capitalismo financeiro se construíu sobre o industrial apoiándose nunha nova capa de abstracción económica (as finanzas), o capitalismo dixital faino sobre o financeiro facendo aínda máis complexo o sistema de extracción de plusvalías

 As plataformas dixitais de traballo multiplicáronse por cinco no último decenio. O crecemento das plataformas dixitais implica oportunidades e problemas para os traballadores e as empresas, sinala a edición máis recente do informe da OIT Perspectivas Sociais e do Emprego no Mundo 2021.

 Este crecemento puxo de manifesto a necesidade dun diálogo internacional sobre políticas e cooperación en materia de regulamentación, que permita unha actuación máis coherente en favor de oportunidades de traballo decente e o impulso do crecemento de empresas sostíbeis.

 O informe fai fincapé en torno a dous tipos principais de plataformas dixitais de traballo: as plataformas web, nas que os traballadores realizan as súas tarefas en liña e de modo remoto, e as plataformas baseadas na localización, nas que unhas persoas, como choferes de taxis ou repartidores, executan o seu traballo nunha localización xeográfica determinada.

Novos problemas para os traballadores e as empresas

 Os problemas para os traballadores das plataformas gardan relación coas condicións laborais, a regularidade do traballo e dos ingresos, e a imposibilidade de gozar dos dereitos á protección social, a liberdade de asociación e de negociación colectiva.

 As horas de traballo adoitan ser prolongadas e imprevisíbeis. A metade dos traballadores de plataformas dixitais gañan menos de dous dólares por hora. Ademais, nalgunhas plataformas hai fendas notábeis de remuneración. O informe sinala que a pandemia de Covid-19 puxo moitas destas cuestións aínda máis en evidencia.

 Moitas empresas topan co problema da competencia desleal, a falta de transparencia con respecto aos datos e a fixación de prezos, ademais de comisións custosas. Pola súa banda, as pequenas e medianas empresas (pemes) teñen dificultades para acceder a financiamento e a infraestrutura dixital.

 É un feito que as novas oportunidades creadas polas plataformas dixitais de traballo están volvendo cada vez máis difusa a clara distinción que adoitaba haber entre asalariados e autónomos. As condicións laborais en xeral veñen determinadas polos termos do contrato de servizos, que adoitan definirse unilateralmente. Cada vez é máis frecuente que as tarefas de asignar e avaliar o traballo, e de xestionar e supervisar aos traballadores dependan de algoritmos, e non de seres humanos.

 O informe apunta á necesidade de políticas coherentes e coordinadas fronte ao feito de que as plataformas operan en distintas xurisdicións, para conseguir que ofrezan oportunidades de traballo decente e impulsen o crecemento de empresas sostíbeis.

 Entrementres o Director Xeral da OIT, Guy Ryder sinala que “As plataformas dixitais de traballo están abrindo oportunidades que antes non existían, en particular para as mulleres, os mozos, as persoas con discapacidade e os colectivos marxinados en todo o mundo. É un factor positivo”.

 Engade que “Os problemas novos que xeran deben solucionarse mediante o diálogo social internacional a fin de que os traballadores, os empregadores e os gobernos poidan beneficiarse plenamente e por igual destes avances. Con independencia da súa situación contractual, todos os traballadores teñen que poder exercer os seus dereitos laborais fundamentais”.

A fenda dixital

 A distribución dos custos e beneficios das plataformas dixitais no mundo é moi desigual. O 96 por cento dos investimentos neste tipo de plataformas concéntrase en Asia, América do Norte e Europa. O 70 por cento das ganancias concéntrase en só dous países: Estados Unidos e China.

 O traballo en plataformas dixitais web é externalizado por empresas do Norte e realizado por traballadores do Sur, que gañan menos que os seus homólogos dos países desenvolvidos. Esta desigualdade de crecemento da economía dixital perpetúa a fenda dixital e podería agravar as desigualdades.

 Moitos gobernos, empresas e representantes de traballadores, entre outros os sindicatos, comezaron a ocuparse dalgunhas destas cuestións, pero as respostas son diversas e iso provoca incerteza para todas as partes.

 O feito de que as plataformas dixitais de traballo operen en varias xurisdicións xera a necesidade de diálogo e coordinación a nivel internacional en torno ás políticas, para efectos de conseguir a seguridade regulamentaria e a aplicación das normas internacionais do traballo, puntualiza o informe.

 E fai un chamado ao diálogo social e á cooperación internacional en materia de regulamentación entre as plataformas dixitais de traballo, os traballadores e os gobernos, para lograr co tempo a aplicación dunha estratexia máis eficaz e congruente.

A outra cara da moeda: navega sen normas nin recomendacións!

 É pouco aliciente que un organismo como a OIT conformado por 187 Estados membros, destacado por ser un órgano tripartito do sistema de Nacións Unidas, limite o seu rol ao conxunto de informes, recomendacións e normas laborais, navegando entre o abstracto da filosofía do dereito e da conxuntural acción partisana.

 E é este un dos paradoxos máis desafiantes do noso tempo: a contradición entre o benintencionado discurso sobre a xustiza social que producen estes organismos internacionais e os Estados nacionais e a malpocada realidade das liberdades cidadás.

 Este é o dramático contraste entre a teoría e a práctica, entre o dereito e a vida cotiá, un sentimento que nos revive cada informe, cheo de boas intencións, pero sen poñer acento no núcleo central do problema que é o propio sistema capitalista.

 Despois dun período de máis de catro décadas caracterizado pola globalización e un conxunto de políticas que dispararon entre outras cousas o drama da desigualdade global, deslocando as institucións que cohesionaban a sociedade e crebando as bases naturais que sosteñen a vida humana, como ben sinalan moitos destes informes.

 As reformas dos mercados trouxeron como resultado un poder crecente para as grandes corporacións e novos monopolios dixitais. A partir destes, está emerxendo unha nova orde froito da reestruturación que experimentou o capitalismo global tras a última crise, na que adquiren un papel preponderante as tecnoloxías da información. A dominación dixital global das principais corporacións do ramo, lograron situarse como monopolios naturais.

 As aplicacións de google acéptanse coma se fosen un servizo público, e universidades e institucións de todo o mundo asinan acordos para que esta corporación xestione os seus sistemas de correo. Entrementres, facebook e twitter capitalizan o groso da comunicación social na rede, e os seus logos son incluídos gratuitamente en programas de televisión ou acompañando a publicidade doutros produtos.

 Os teléfonos intelixentes véndense con aplicacións de fábrica deseñadas para recompilar masivamente datos sobre e dos seus usuarios.

 Miles de millóns de consumidores de todo o mundo, calquera sexa o seu status, aceptan con normalidade situacións nas que son totalmente controlados por empresas privadas. Máis grave aínda, a sociedade no seu conxunto sucumbiu aos cantos de serea e renunciou a se protexer contra as novas formas de control dixital.

 Esta submisión explícase porque as corporacións dixitais son vistas como axentes do progreso tecnolóxico, dando a impresión de que aceptar a súa tutela é a única forma de gozar das vantaxes prácticas da tecnoloxía; é estar acorde co mundo actual do progreso.

 Mais esta ideoloxía de progreso ten un profundo trazo neoliberal, en tanto que se nos pide que aceptemos que os gañadores do xogo económico se convertan, desde a súa posición de monopolio, en árbitros deste. Agora, empresas de calquera sector e tamaño compiten por chegar á xente en facebook ou situarse en google, pero ninguén está en condicións de competir contra quen logrou dominar de forma incontestábel o mercado da atención na rede.

 O capitalismo dixital é a fase da economía na que o mercado é impulsado e dinamizado por plataformas dixitais que xeran novos ciclos de acumulación de capital.

 Estes sistemas caracterízanse pola súa extraordinaria escalabilidade, é dicir, a súa capacidade para amplificar a oferta dun servizo sen modificar as súas condicións de produción. Inicialmente, o lanzamento dun proxecto dixital implica un gran investimento de capital, pero unha vez desenvolvido pode ofrecerse globalmente cun investimento estábel en infraestrutura.

 Noutras palabras, alcanzado certo límite as posibilidades de facturación medran exponencialmente mentres os custos o fan aritmeticamente, xerando oportunidades de rendibilidade nunca vistas na historia económica. Na práctica, as ratios de produtividade destas compañías -segundo algúns expertos- superan con facilidade o millón de dólares por empregado contratado.

 A ampla marxe de beneficios que prometen estas plataformas fai delas un vehículo privilexiado de investimento para os fondos financeiros, ávidos por atopar novos caladoiros de rendibilidade.

 Por iso nunca escasean fondos de capital de risco para auspiciar o desenvolvemento de novas empresas dixitais, e por iso as que xa están consolidadas negocian doadamente a atracción de novos capitais. Xorde así unha alianza estrutural entre a elite financeira e a tecnolóxica, na que a primeira perde progresivamente a súa hexemonía, á vez que a segunda se afirma na posición dominante.

 Noutras palabras, os emprendedores tecnolóxicos contan cunha inédita posición de poder fronte aos representantes do capital financeiro, quen se ven obrigados a apostar por calquera opción que lles prometa aumentar a rendibilidade dos seus investimentos.

 Pola súa banda, as plataformas dixitais satisfán amplamente esta necesidade, facendo uso da súa inigualábel capacidade para organizar e influír nas actividades de miles de millóns de usuarios en todo o mundo.

 Desde o punto de vista histórico, cada nova etapa do capitalismo supón unha mellora na capacidade de acumulación. Do mesmo xeito que o capitalismo financeiro se construíu sobre o industrial apoiándose nunha nova capa de abstracción económica (as finanzas), o capitalismo dixital faino sobre o financeiro facendo aínda máis complexo o sistema de extracción de plusvalías.

 En definitiva, é unha evolución guiada pola fuxida cara a adiante do capital para escapar da taxa de rendementos decrecentes, como o ensinaba Karl Marx. No século XIX, cando as posibilidades do mercado nacional comezaron a esgotarse, o capitalismo industrial precisou abrir novos mercados e as potencias occidentais intensificaron a conquista violenta doutros territorios.

 A risco de pasar por trasnoitados diremos alto e forte que o imperialismo segue sendo a fase superior do capitalismo porque na procura constante de beneficio, que é a súa motivación sistémica, crea a esencia dunha necesidade estrutural expansionista.

 A finais do século pasado, cando o ciclo de crecemento económico posterior ás guerras mundiais desacelerou, o capitalismo reinventouse a si mesmo coa financeirización da economía e a vaga de políticas neoliberais que aplanaron o pensamento global.

 Na actualidade, cando empeza a cuestionarse a capacidade da especulación financeira para manter o ritmo de crecemento, o capitalismo reinvéntase de novo grazas ás plataformas e os seus mercados dixitais. Noutras palabras, despois de que o mercado se expandise por toda a capa física do planeta, oriéntase cara á procura de novos horizontes.

 E atópaos na colonización da mente humana, cuxa atención atrapa cunha oferta infinita de contidos e interfaces deseñados para enganchar con actualizacións e recompensas virtuais. No seu nivel actual de desenvolvemento, as tecnoloxías da comunicación demostran o seu potencial como tecnoloxías do pensamento e como pedra angular do sistema económico e social.

 Neste sentido, a era dixital é un capítulo máis da historia do capitalismo, non un episodio á marxe del, como certos revisionistas pretende facer crer. O capitalismo ao longo da súa historia logrou captar numerosos aspectos da realidade alleos á esfera comercial para convertelos en mercadorías. Os cercados dos bens comúns ou a creación de “mercadorías ficticias” son bos exemplos diso.

 Vivimos demasiada desigualdade, explotación, mercantilización e alienación, concentración do poder e devastación social e ecolóxica asociada á economía dixital como para pensar que o seu desenvolvemento nos achegou minimamente a un horizonte poscapitalista, como pretenden algúns.

 En realidade non son as tecnoloxías as que determinan a evolución da orde social, senón ao contrario. Debemos estar atentos xa que o capitalismo dixital ofrece máis do mesmo, cando non peor.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 2 de marzo de 2021]

 

Volver