Plataformas dixitais e teletraballo: unha nova forma de precariedade laboral

Laura Pérez Ortiz - 18 Xun 2021

Malia a coñecida como Lei rider (RDL 9/21 do 11 de maio de 2021), a desprotección dos traballadores e a falta de dereitos laborais e de sindicalización fan que vaiamos a un mundo de relacións laborais unipersoais. Quizais non sexa o futuro inmediato do traballo, pero é unha tendencia cada vez máis marcada no mercado laboral

 A dixitalización transforma a información en díxitos ou códigos, de maneira que se pode ler, transportar e interpretar de forma rápida e doada por medios dixitais. O uso masivo destas tecnoloxías de información e comunicación lévase producindo desde os anos noventa do século pasado.

 Grazas ao aumento das infraestruturas de banda larga e á expansión dos dispositivos persoais (smartphones, tabletas...), a dixitalización medrou de xeito abraiante na última década. E máis aínda no último ano, co estouro da pandemia. O uso de datos e aplicacións dixitais está a supoñer un profundo cambio para empresas, traballadores e consumidores.

 O informe anual que acaba de publicar a OIT, “Perspectivas sociais e do emprego no mundo: Tendencias 2021”, céntrase nun aspecto concreto da dixitalización: o uso de plataformas dixitais como medio de traballo.

 Estas plataformas serven para conectar a empresas, clientes e traballadores: a través dunha plataforma dixital asígnanse tarefas a traballadores ou ponse en contacto a clientes que demandan un servizo con traballadores dispostos a ofrecelo.

Que son as plataformas dixitais de traballo?

 Para entender o traballo na economía de plataformas hai que distinguir dous tipos.

  1. As plataformas que se basean no uso dunha aplicación móbil con xeolocalización. O traballo asígnase a traballadores que están en determinadas zonas xeográficas. Por exemplo, as plataformas de servizo de taxi ou reparto de comida.
  2. Plataformas en liña onde se abren convocatorias (poxas) para facer tarefas ou encargos a distancia (o que se coñece como crowdwork).

 Xa que logo, as plataformas son espazos dixitais onde coinciden traballadores que ofrecen o seu traballo e clientes que demandan un servizo. E onde está o negocio destas plataformas? Nos datos.

 Os que traballa adoitan pagar unha comisión á plataforma para que os poña en contacto con clientes, que poden ser empresas ou clientes individuais. Estas empresas ou clientes, á súa vez, tamén pagan unha comisión ou unha subscrición á plataforma por recibir o servizo.

Traballadores teleinmigrantes

 No caso das plataformas de localización, os algoritmos conectan a traballadores e clientes en función da xeolocalización. Os clientes tamén poden introducir condicións, elixindo a traballadores en función das recomendacións ou rankings feitos polo resto de clientes.

 Cando falamos de plataformas de tarefas, os algoritmos buscan emparellar clientes e traballadores en función dos prezos, a rapidez ou a calidade (de novo reflectida nas recomendacións doutros clientes) coa que traballan (se utiliza estas plataformas, pénseo ben a próxima vez que vaia cualificar un traballador).

 Os servizos nestas plataformas son en grao sumo variado e inclúen desde o transporte á tradución, asesoría ou consultoría, pasando pola programación, a codificación, a descrición de produtos ou etiquetaxe de imaxes. Así é que, polo tipo de traballo que se realiza nunha e outra plataforma, os e as traballadoras teñen perfís diferenciados.

 No caso das plataformas de reparto ou entregas a domicilio necesítase ter un vehículo ou medio de transporte propio. Para realizar tarefas de etiquetar imaxes ou introducir datos non é necesario unha formación demasiado específica. Pero para traducir ou facer análises xurídicas ou financeiras si fai falta coñecemento e formación.

 A gran vantaxe das plataformas é que os procesos se poden dividir en múltiplas tarefas, microtarefas, que poden realizar distintas persoas desde calquera parte do mundo. Isto facilita o que Richard Baldwin, no libro  A convulsión globótica: robótica, globalización e o futuro do traballo, denominou teleinmigrantes: persoas que xa non necesitan desprazarse ás zonas onde hai posibilidade de atopar un emprego, porque o traballo chega ás súas pantallas.

 Estes traballadores dixitais localizados en calquera parte do mundo fan que haxa máis competencia por lograr traballos de tipo técnico, profesional, científico, financeiros e de comunicación. Este aumento da competencia global que trae a dixitalización supón un perigo para postos de traballo que, hai apenas uns anos, se consideraban seguros.

Quen traballa nas plataformas dixitais?

 Non hai datos oficiais sobre cantas persoas traballan nestas plataformas, pero fixéronse diversas enquisas e podemos sinalar que arredor do 11% da poboación activa da UE traballou algunha vez nestas plataformas. No Estado español elévase ao 18% (“El trabajo en plataformas digitales en España: ¿qué sabemos?”).

 Nunha enquisa da OIT (2019) realizada en 2015 e 2017 a 3 500 traballadores distribuídos en 75 países, debuxouse o seguinte perfil de quen traballa nas plataformas dixitais: home novo (duns 33 anos) con alta cualificación (o 20% teñen estudos de posgrao e o 37%, estudos universitarios), que traballa en máis dunha plataforma (50% de persoas da enquisa). O 48% das persoas da enquisa sinalaba que non tiña outro traballo. Entre quen si compaxinaba con outro traballo, o 57% indicaba que era un emprego de alta cualificación. Era así como o imaxinaba?

 Nos países desenvolvidos só traballa unha muller por cada 3 homes nas plataformas dixitais. A proporción descende a unha de cada 5 nos países en desenvolvemento. E isto é algo que pode sorprender porque, en principio, se entendía que os traballos que se poden facer desde a casa poderían resultar máis atractivos para as mulleres, pois permitirían a conciliación da vida laboral e familiar.

 Porén, se temos en conta as principais ocupacións que se realizan nas plataformas, xa vemos que a cousa cambia: a maior parte das tarefas entran no ámbito do desenvolvemento tecnolóxico e de software. E aquí vemos que, en comparanza cos homes, son poucas as mulleres cos estudos e a formación necesarios para realizar este traballo. Unha razón máis para loitar contra a fenda dixital e aumentar a participación das mulleres en estudos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, polas súas siglas en inglés).

 En Europa o emprego na economía de plataformas aínda representa unha proporción pequena, pero cada vez agrupa a máis persoas (especialmente homes), xente nova e con altos niveis de educación. O traballo que se realiza nelas permite unha enorme flexibilización e é doadamente adaptable a conxunturas e circunstancias.

 Malia a coñecida como Lei rider (RDL 9/21 do 11 de maio de 2021), a desprotección dos traballadores e a falta de dereitos laborais e de sindicalización fan que vaiamos a un mundo de relacións laborais unipersoais. Quizais non sexa o futuro inmediato do traballo, pero é unha tendencia cada vez máis marcada no mercado laboral.

 

[Artigo tirado do sitio web The Conversation, do 16 de xuño de 2021]