Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña mobilizarase para esixir unha atención integral ás mulleres que teñen que abortar
A mobilización convócase despois de que pasaran case sete meses dende que a Plataforma remitiu un escrito ao Xerente do Complexo e ás directoras médicas e de enfermaría do hospital, no que se describía como tería que ser a atención a estas mulleres que teñen un aborto no 2º trimestre da xestación, segundo os protocolos internacionais.
Así mesmo, no escrito denunciábase que non se estaban a cumprir os mínimos que marcan ditos protocolos, polo que dende a Plataforma se instou ás autoridades responsábeis a tomar medidas.
Porén, até o momento, non houbo resposta por parte da administración.
Fronte a este silencio, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña convoca a mobilización deste xoves e anima á cidadanía a entregar escritos de reclamación no rexistro do CHUAC, expresando o seu rexeitamento a esta situación e demandando que se adopten as medidas oportunas.