Plan de medidas para a creación de emprego e a recuperación económica da comarca de Ordes
A Unión Comarcal da CIG da Coruña vén de rexistrar no Concello de Ordes unha iniciativa para o seu debate en Pleno municipal, na que se recolle unha batería de propostas para a creación de emprego e a reactivación económica da comarca, con especial atención aos dous dos motores básicos: o agrogandeiro e a industria téxtil e da confección. Dous sectores que nos últimos anos destruíron centos de postos de traballo e dos que depende, en boa medida, a supervivencia do sector servizos.
O obxectivo da central sindical é que a Corporación municipal debata e aprobe en pleno un acordo manifestando o apoio ás propostas presentadas e inste a Xunta de Galiza "a poñer en marcha os proxectos de lei correspondentes que fagan efectivas estas medidas", segundo explicou en rolda de prensa o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, quen, acompañado pola secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, deu coñecer publicamente a iniciativa.
Ambos lembraron que o concello de Ordes e o resto de concellos da comarca (onde tamén se rexistrou esta proposta) contan como motores básicos da súa economía co sector agrogandeiro e a industria téxtil. Sobre o sector primario, Filgueira apuntou que chegou a rexistrar unha taxa de ocupación superior ao 28%, pero leva anos perdendo peso "e veu reducido drasticamente o número de explotacións, a consecuencia das políticas máis centradas en pechar explotacións e facer inviábel a incorporación de mozos e mozas ás mesmas, que en incentivar o sector e apoialo na procura de creación de emprego, evitar o despoboamento, etc.".
A industria téxtil destruíu o 76% dos empregos dende 2008
Algo semellante está a acontecer cunha parte importante da industria manufactureira afincada na comarca, maioritariamente no Concello de Ordes, berce de moitas empresas do sector do téxtil e da confección, e mesmo de marcas propias a través da que se xeraron máis postos de traballo coa creación de talleres auxiliares. Tantos, que no momento de maior expansión, o téxtil chegou a xerar 2.000 empregos directos na comarca, salientou.
Porén, a liberalización do tráfico internacional de produtos téxtiles e de vestiario dende o ano 2005 significou o declive do sector. As empresas comezaron a desprazar a produción a países con man de obra máis barata e unha lexislación máis flexíbel para conseguir os máximos beneficios. Esta deslocalización (principalmente a Portugal, Marrocos, China ou India) supuxo a destrución do tecido produtivo e precarizar aínda máis as condicións laborais, nun sector que conta cunha man de obra especializada e que emprega maioritariamente a mulleres.
Segundo os datos do IGE, entre 2008 e 2017 destruíronse no téxtil da comarca 652 postos de traballo (o 76%), pasando de contar con 857 traballadoras a ter só 205. Neste período pecharon máis de 60 talleres de confección entre os que destacan, polo seu tamaño, Téxtil Mendo, Viriato e Grupo Deus.
Pero tampouco hai que perder de vista que canda estas grandes empresas cerraron un regueiro de talleres "subcontratados" polas grandes marcas (Inditex, Lacoste, Viriato, El Corte Inglés, Pertegaz…) como Ordesa, Téxtil Mouriño, Téxtil Bastian, Áncora Punto, Retriscos, Senla Punto e Confecmila/MBL.
Unha crise propiciada polos procesos de deslocalización mais tamén "pola falla dun plan específico para o sector por parte da Xunta de Galiza e o Goberno español, que en todo momento apostaron polo traslado da produción en lugar de protexer a industria galego", denunciou o secretario da CIG da Coruña.
Eliminar as axudas á deslocalización e potenciar o agro
Para reverter esta situación, a CIG, entre outras cuestións, demanda do Goberno galego eliminar as facilidades e axudas a proxectos de deslocalización de empresas; un apoio decido das institucións públicas ás PEMES; promocionar a moda galega e o consumo de prendas de vestir e complementos feitos en Galiza; ou contratar con empresas afincadas en Galiza a elaboración de todo tipo de uniformes e/ou materiais téxtiles de utilización obrigatoria en empresas públicas.
Xunto a isto, é preciso elaborar un plan de medidas de apoio ao sector forestal e agrogandeiro, que garanta uns prezos xustos, fomente a incorporación de xente moza a actividade agraria, permita unha explotación racional do monte e unha xestión social e sustentábel e que aproveite o mato para a coxeración de enerxía e calor.
Nesta liña, a CIG defende que a política agraria da Xunta debe estar baseada no apoio e potenciación da agricultura extensiva, da gandaría e da agricultura ecolóxica; na ordenación dos usos da terra e a orientación de cultivos; apoiar os circuítos curtos de comercialización e transformación; e crear unha rede de servizos técnicos públicos relacionados coa actividade agrogandeira.
Tamén se fai preciso poñer en marcha dun plan de desenvolvemento industrial que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da economía da comarca (leite, téxtil, enerxías renovábeis, silvicultura), e fomentar a promoción exterior dos produtos galegos, priorizando sectores e mercados.
Estas medidas compleméntase con outra serie de propostas destinadas ao comercio, ao turismo e ao sector forestal; así como medidas de fomento da economía social e para garantir o dereito a un traballo de calidade.
A reforma laboral facilita a destrución de emprego
Na presentación das propostas participou un grupo de ex-traballadoras do Grupo Deus, empresa do téxtil que hai uns meses executou un ERE de extinción para 104 das súas empregadas e que acaba de solicitar o concurso de acredores. A este fío, Dores Martínez puxo o acento nas facilidades introducidas pola reforma laboral, que permiten as empresas aplicar despedimentos colectivos de xeito barato e sen necesidade de contar con autorización administrativa.
Neste senso, lembrou que o proceder de firmas como Téxtil Mendo, Viriato ou o propio Grupo Deus foi sempre o mesmo: primeiro executar EREs de extinción e despois ir ao concurso de acredores. "En todos os casos, denunciou, estas empresas recibiran previamente subvencións públicas", ao que engadiu: "modificar as leis é unha cuestión de vontade política, dos intereses que teña quen goberna en cada momento".