Plácido Valencia, reelixido secretario nacional da CIG-Construción polo VIII Congreso da federación
Plácido Valencia Rodríguez foi reelixido secretario nacional polo VIII Congreso da Federación da Construción e Madeira (FCM-CIG) por 34 votos a favor e 3 en branco. Durante o proceso celebrado hoxe en Santiago baixo o lema '25 anos construíndo a patria galega' tamén se renovou a Executiva (que recibiu igualmente 34 votos a favor e 3 en branco) e escolléronse os representantes no Consello Nacional.
Integrantes da Executiva nacional da FCM:
1. Plácido Valencia Rodríguez.
2. Mario Maceiras Dosil.
3. Alfonso Losada Rodríguez.
4. Marcos Sánchez Branco.
5. Noelia Meizoso Fojo.
6. Xaquín Agulla Gómez.
7. Xosé Xoán Melón González.
8. Eduardo Sebio Molguero.
9. Maite Barrio Paiomo.
10. Raúl Pazos Arjones.
11. Javier Iglesias Valiñas.
Plácido Valencia, que encabezaba a única candidatura que concorreu ao proceso, pechou o VIII Congreso cunha intervención na que chamou a intensificar a loita para forzar a derrogación das reformas laborais e das pensións e para frear as receitas neoliberais da UE que aplica o Goberno español “e que favorecen unicamente ao poder económico e financeiro e empobrecen a maioría social e a clase obreira”.
Neste senso amosouse moi crítico co papel da Xunta na aplicación de medidas orientadas a privatizar os sectores públicos e censurou a súa inacción para tentar atallar a progresiva desindustrialización do noso país. “Neste xogo non poden faltar os cómplices necesarios, CCOO e UGT, que reforzan estas políticas mediante o chamado diálogo social e provocan a desmobilización da clase traballadora, afondando na precariedade do noso sector, xa de por si moi precarizado”.
Por iso incidiu na necesidade de apelar aos traballadores/as “para facer evidente que chegou o momento de reclamar cambios e melloras no noso sector e para deixar claro que a pasividade e o medo só traen precariedade”.
En canto ás queixas do empresariado sobre a falta de profesionais no sector e das dificultades para garantir o relevo xeracional asegurou que a solución pasa por respectar os convenios de aplicación, por non abusar dos contratos temporais e de formación, por non estender a precariedade coas tramas de subcontratas, por non explotar os traballadores/as transfronteirizos/as con xornadas interminábeis, etc.
Tamén apelou á necesidade de seguir a medrar en representatividade e en afiliación para afrontar os retos das novas negociacións de convenios, así como a reforzar a organización para darlle unha resposta máis áxil e eficaz ás necesidades da clase traballadora.
“Só queda organizarnos para conseguir a través da mobilización o cambio social que procuramos, e que non vendan fume as centrais sindicais españolistas co diálogo social porque os avances sociais e laborais só viñeron da man da loita da clase obreira”.
Toma de conciencia
Pola súa banda, a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, que tamén tomou a palabra no acto de clausura, salientou que a CIG é a ferramenta que ten permitido, “naqueles sectores e empresas onde temos presenza, onde somos fortes e levamos a nosa práctica sindical combativa, que as compañeiras/os teñan mellores condicións laborais e salariais que onde non estamos nós”.
Segundo denunciou, isto provoca que a patronal e os gobernos coniventes fagan todo o que está nas súas mans “para eliminarnos e para invisibilizarnos, con atrancos constantes á nosa participación, xa sexa institucional ou nos procesos electorais, ou mesmo procurando a maneira de que non nos mobilicemos, como quixeron facer durante a pandemia, ou non hai tanto, cando nos prohibiron concentrarnos na Toxa”.
De igual xeito, promoven candidaturas amarelas ou para facilitar o acceso dos sindicatos españois pactistas nas eleccións sindicais nas empresas. “Inténtano co invento ese do chamado diálogo social, onde suplantan as verdadeiras institucións de participación e a voz da clase traballadora, co apoio decidido unha vez máis dese sindicalismo entreguista”.
Ao mesmo tempo, quixo deixar claro que a CIG non sería nada sen toda a forza que ten detrás, a das persoas afiliadas, a das persoas que se presentan nas candidaturas e as que saen elixidas delegadas, “que despois dan a cara nas empresas e nas rúas”. Por iso apostou por reforzar a organización en base aos piares fundamentais que sustentan o proxecto da CIG: o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción da organización “para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da sociedade”.
E incidiu na necesidade de sermos conscientes de que o traballo “constante e permanente” é imprescindíbel para acadar mediante a loita e o conflito o noso obxectivo, que non é outro que a toma de conciencia da clase traballadora galega “sobre a nosa situación de explotación de clase e nacional”.
Porque só así, cunha organización forte, cunha central sindical cohesionada e turrando na mesma dirección “poderemos dar resposta a todos os brutais ataques que está a padecer a clase obreira e loitar contra a precariedade e a pobreza que aumentan día a día, mentres se manteñen en vigor as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións”.
Activismo, conflito e mobilización
No Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado por 41 votos a favor e 1 abstención, faise fincapé nos duros inicios que caracterizaron o mandato iniciado pola anterior dirección hai catro anos como consecuencia da situación que estaba a padecer o sector despois de case unha década de crise.
“Foi un percorrido nada doado xa que seguimos inmersos na crise permanente; cando todo parecía que reputábamos chega a pandemia da covid, e despois a crise económica derivada da covid, unha crise eternizada polas políticas do PP na Xunta e dos Gobernos de Madrid do PP e do actual goberno PSOE-Unidas Podemos”.
Neste contexto FCM-CIG logrou converterse na primeira forza sindical do país en número de delegados/as “froito do noso proceder á hora de facer un sindicalismo baseado na mobilización e na confrontación contra as prácticas do empresariado e do poder político”.
Con todo, o sector da construción e da madeira segue sen recuperar poder adquisitivo “como consecuencia do modelo de negociación colectiva que teñen CCOO e UGT” ao apostar polo diálogo social e a centralización da negociación colectiva en Madrid, “facéndolle o xogo ao empresariado sen escrúpulos”.
Neste tempo a FCM presentou batalla xudicial e sindical contra o incremento das horas extras ilegais tanto no sector privado como no público, pois a súa proliferación frea a recuperación do sector “xa que o aumento da carga de traballo estase a absorber coas horas extra de quen xa traballa nel e non mediante novas contratacións, e supón unha fraude ao Estado e ao conxunto da sociedade porque en moitas ocasións nin se cobran nin se cotiza por elas”.
O único camiño que temos é incrementar a mobilización para ir a unha folga xeral
Ademais, o exceso de xornada ten outra repercusión negativa aínda máis grave para a clase traballadora, xa que pon en risco a súa seguridade no posto de traballo e a súa saúde, “o que inflúe de forma determinante na súa calidade de vida”.
Esta situación é consecuencia directa das políticas do Goberno central, “que van encamiñadas a favorecer unha vez máis ao poder económico e financeiro, “polo que o único camiño que temos é incrementar a mobilización co obxectivo de convocar máis pronto que tarde unha folga xeral na defensa dos nosos intereses como clase e para rexeitar as políticas neoliberais que nos encamiñan a un empobrecemento do conxunto da clase traballadora e a un recorte de dereitos e de liberdades”.
Entre as principais campañas que desenvolveu a FCM neste período cítanse a de sensibilización sobre as consecuencias da silicose no sector da pedra e da lousa e as de denuncia das condicións laborais que padece o persoal que traballa nas obras do AVE ou da explotación dos traballadores/as transfronteirizos/as, desenvolvida en colaboración coa central portuguesa CGTP.
No que ten que ver cos conflitos e problemáticas nos que a central sindical tivo especial protagonismo, saliéntanse os de IKF da Guarda, Maderas Iglesias do Porriño, Camsoar e UTE de Rande en Pontevedra e Vigo, Irosa no Barco de Valdeorras, Noa e Cándido Hermida en Ferrol, Costiña en Lugo ou Malasa na Coruña.
Finalmente, como principal reto para os vindeiros catro anos márcase romper canto antes esta inercia de resistencia derivada da grave crise que atravesa o sector “pasar a tomar de novo a iniciativa con activismo, conflito e mobilización”.
Representantes da FCM no Consello Confederal:
1. Plácido Valencia Rodríguez.
2. Xaquín Agulla Gómez.
3. Eduardo Sebio Molguero.
4. Marcos Sánchez Branco.