Pingueiras, frío e cheiros a fosa séptica no Centro de Saúde de Santa Comba

A CIG-Saúde da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza convoca unha concentración para denunciar o estado de abandono, o 19 de febreiro ás 11:00 horas
Santa Comba - 13 Feb 2026

A CIG-Saúde da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza vén de anunciar a convocatoria dunha concentración diante do Centro de Saúde de Santa Comba baixo o lema “Pola seguridade nos postos de traballo. Coa nosa saúde non se xoga”, en protesta polo grave deterioro que sofre, desde hai anos, e que “pon en risco a seguridade e saúde, tanto das persoas usuarias, como das traballadoras”.

A CIG-Saúde lembra que hai máis de tres anos se presentaron varias denuncias, tanto diante da autoridade laboral, como nos distintos órganos de Prevención e Saúde dentro da Área Sanitaria, sen que se traduciran, até o de agora, en actuación algunha para resolver a situación. Lamenta tamén que non se actuara, sequera, diante das preguntas presentadas, sobre esta cuestión, no Parlamento de Galiza.

Titularidade municipal

A CIG-Saúde considera que a titularidade municipal do centro obstaculiza considerablemente unha coordinación entre as administracións. Afirma, porén, que “isto non pode servir en ningún momento de escusa, ante o deterioro progresivo e decadente que presenta o centro , tanto na parte de PAC como na do Centro de Saúde”.

Denuncia ademais que tamén se incumpriron os requirimentos realizados da autoridade laboral, en agosto de 2024, para que se resolveran esas deficiencias.

Apunta, entre outras cuestións, o frío que hai nas consultas de xeito habitual, con temperaturas de 12ºC no bloque de consultas do Centro de Saúde; uunha instalación eléctrica obsoleta, que salta acotío e provoca constantes interrupcións.

Denuncia goteiras e humidades perpetuas; cheiros a fosa séptica; falta de illamento do tellado e áreas de tellas rotas ou deterioradas con perigo de desprendemento, ao que engade unha área administrativa obsoleta na súa funcionalidade.

Por iso, unha vez esgotadas as canles de comunicación destas incidencias, e ante a gravidade que está a tomar o asunto, faise un chamamento a persoas traballadoras e usuarias a participar na concentración do vindeiro xoves, día 19, ás 11:00 horas, diante do Centro de Saúde.