Persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo mobilízanse contra os abusos dos bancos e por unha atención digna
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización no cruzamento de Colón para reclamar unha atención bancaria digna e rexeitar os abusos das entidades financeiras. Dende a central sindical denuncian que os bancos discriminan a multitude de cidadáns, “sobre todo ás persoas maiores, especialmente das zonas rurais do país, ao fiar todo á banca electrónica”.
Ao remate da protesta que tivo lugar na zona que concentra boa parte das oficinas bancarias da cidade procedeuse á lectura dun comunicado no que se incide en que a banca, no seu “descontrolado e insolidario afán de xerar beneficios a conta do que sexa”, non deixa de centrar na informática o seu traballo e a súa relación coa clientela, reducindo os horarios de atención presencial para certas operacións, despedindo persoal, pechando oficinas e desatendendo a clientela.
“E faino sen importarlle o prexuízo que esas medidas están a provocar no seu persoal e na clientela, sobre todo a de maior idade”, xa que fían todo á banca electrónica e “discriminan” a multitude de cidadáns que ben non saben ou ben non queren operar con este método “imposto de xeito unilateral”. En numerosos casos as vítimas deste “proceso antisocial” son persoas de idade avanzada ás que lle poñen dúas horas ao día para atendelas de forma presencial “nas poucas oficinas que aínda fican abertas”.
Este proceso de desatención agudízase aínda máis no medio rural, onde o peche de sucursais está moi avanzado, sen que nin a Xunta nin o Goberno do Estado “tomen cartas no asunto para impedir a desatención financeira dun medio, o rural, cun elevado número de persoas maiores que teñen grandes dificultades para operar de forma telemática, tanto para realizar operacións correntes como para dispoñer dos cartos en efectivo cos que desenvolver a súa vida.
Atención presencial
Por iso dende o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo deixan claro que non van permitir ese “maltrato bancario” ás persoas máis vulnerábeis, polo que esixen da banca que manteña a atención presencial durante a totalidade dos horarios de apertura das oficinas e para todas as operacións que a clientela precise. “E que cese na súa teima de pechar oficinas e deixar desatendidos numerosos barrios e núcleos de poboación”.
Lembran que as persoas pensionistas están obrigadas a abrir contas para poder cobrar as prestacións. “Nós somos as propietarias dos cartos das nosas contas, e polo tanto debemos ter dereito a retiralos como e cando nos pete; se sabemos e queremos, nos caixeiros automáticos ou por medios telemáticos, pero tamén de forma presencial se así o desexamos e a calquera hora na que as oficinas estean abertas”.
Finalmente, entenden privar as persoas deses dereitos constitúe un abuso, “abuso que se incrementa coas comisións excesivas que a banca cobra por ter unha conta aberta”.