Persoas traballadoras de Iberdrola mobilízanse no Barco ao berro de “IPC real para todo o persoal”

A CIG e a central vasca ELA teñen convocada folga en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa este venres día 29 polo bloqueo das negociacións do convenio
O Barco - 25 Mai 2026

Persoas traballadoras de Iberdrola mobilizáronse este sábado no Barco de Valdeorras para reclamar unha actualización de salarios a IPC tras 11 anos cos soldos practicamente conxelas, xa que só se incrementaron un 0,7% dende 2015. A CIG e a central vasca ELA teñen convocada unha xornada de folga este venres día 29 en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa ante o bloqueo das negociacións do convenio.

Dende a parte social denuncian que a compañía négase a mellorar as condicións laborais a pesar de que obtivo un beneficio neto de 25.000 millóns dende o 2021, “mentres o cadro de persoal perdeu un 20% de poder adquisitivo nos últimos cinco anos; ademais, quitáronnos os trienios e roubáronnos a segunda tarifa de empregado para o persoal xubilado”.

Neste senso, sinalan que os datos económicos que a propia empresa facilita din que a suba salarial que se demanda é perfectamente asumíbel e non pon en risco a viabilidade nin os resultados económicos. “Ao tempo que nos queren condenar a un empobrecemento perpetuo, a alta dirección repartiuse un bonus extraordinario de 280 millóns de euros, e na xunta xeral de accionistas do día 29 de maio pretenden aprobar outro bonus extraordinario de 400 millóns de euros”.

Neste tempo pechou tamén o Centro de Operación de Conca da Rúa, o que supuxo a perda de postos de traballo en Galiza. “Os cartos que eles se reparten saen dos nosos ríos, dos nosos montes e da suor da nosa fronte, e xa é hora de que valoren o noso traballo”.

Denuncian que con estas prácticas Iberdrola favorece o despoboamento das zonas rurais nas que opera e das que saca os recursos naturais para lograr grandes beneficios. “Polo que esiximos que parte das ganancias producidas pola centrais hidroeléctricas e os parques eólicos galegos revertan en beneficios para o noso territorio, para a nosa cidadanía e nunha suba salarial ligada ao IPC para o persoal”.

Lembran que as persoas traballadoras levan xa 16 meses sen convenio, “e algúns piden paciencia; talvez un dos problemas é que xa agardamos demasiado; porque nunca se conseguiu ningún avance sen loitar, sen confrontar e non nolo van conceder se o pedimos sentados nunha mesa de negociación indefinidamente”.

Finalmente, dende e representación sindical chaman a secundar a folga convocada este venres día 29 e a acudir a Bilbo para participar na concentración prevista diante da sede da empresa coincidindo co consello de administración.