Persoal vigués e ourensán de Ilunion clama na ONCE contra a represión laboral e sindical
Traballadores/as vigueses/as e ourensáns/ás de Ilunion mobilizáronse hoxe convocados/as pola CIG-Industria diante da sede da ONCE en Vigo para denunciar a política de represión laboral e sindical que aplica o seu centro especial de emprego, que ademais está a desmantelar a infraestrutura en Ourense e a levar a cabo despedimentos.
A concentración desenvolveuse ás portas das instalacións da ONCE na Gran Vía de 11:00 a 12:30 horas en rexeitamento das sete rescisións de contrato executadas por Ilunion en Ourense a traballadores/as que se atopaban de baixa médica e contra a represión laboral e sindical en Vigo, onde seis dos 11 representantes sindicais da CIG na empresa foron sancionados/as.
A central está desenvolver unha compaña de protestas e de axitación na para denunciar a política de persoal de Ilunion, que insiste en impoñer sancións á representación sindical por reclamar dereitos e continúa a explotar laboralmente a persoas con discapacidade, que ingresan menores salarios que os seus compañeiros/as das empresas de automoción nas que traballan e están sometidos/as aos mesmos elevados ritmos de produción.
“O que está a acontecer responde a un intento de amedrentar as persoas que reivindican os seus dereitos e denuncian tanto unhas condicións de traballo lamentables como o abuso da contratación a través de ETT, as xornada abusivas e a falta de seguridade no traballo. Curiosamente, esta campaña interna de persecución á CIG que coincide co favorecemento a outra organización sindical próxima á dirección da empresa, tal e como sinalan.
Mais a persecución e o acoso non só se limita aos delegados/as, senón que as propias persoas traballadoras “tamén padecen esta situación cando algúns encargados lles insisten en que se queren renovar o contrato ou que as fagan indefinidas teñen que afiliarse á UGT, co claro propósito de que nas vindeiras eleccións sindicais (que se celebran dentro de ano e medio) saia elixido o sindicato da empresa”.