Persoal técnico do SPIF quenda motores de cara á folga indefinida que comeza o 1 de agosto
Persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) de Medio Rural realizou unha concentración este xoves diante do complexo administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela) para demandar a negociación dun novo acordo de condicións laborais que actualice o asinado en 2008. A protesta enmárcase no calendario de accións que o colectivo ten convocado con motivo da folga indefinida que se iniciará a partir deste 1 de agosto.
A folga, que comezará ás 00 horas deste sábado e terá unha duración indefinida, afecta a todo o persoal técnico de incendios forestais da consellería do Medio Rural (grupos A1 e A2 escalas enxeñeiros/as técnicos forestais e enxeñeiros/as de montes), e convócase en resposta ao inmobilismo da Consellaría para avanzar na negociación dun novo acordo que regule as condicións laborais do colectivo.
Neste senso, os representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciaron hoxe "a irresponsábel actitude de Medio Rural que non foi quen de remitir proposta escrita de novo acordo das condicións laborais do persoal técnico de incendios forestais nin de molestarse en convocar unha mesa de negociación". E acusaron a Xunta de Galiza de ser, coa súa pasividade, "a culpábel do inicio da folga en pleno mes de agosto". Unha denuncia reforzada polo feito de que non foi até hoxe á tarde que a administración convocou ao comité de folga para negociar os servizos mínimos.
Unha organización acordo ao sXXI
O representante da CIG, Xabier Bruña, subliñou que "o que estamos reclamando dende hai 25 meses é unha nova organización acorde co século XXI, coas necesidades do servizo de prevención e extinción de incendios e da xestión forestal do monte".
Bruña apuntou que o persoal técnico da SPIF (integrado por uns cen efectivos) é o encargado das tarefas de coordinación e dirección dos medios para a extinción e tamén se encarga da xestión forestal. "Coordinamos o 40% dos medios de extincinón de incendios forestais do estado, a metade das cortas que se fan en todo o territorio estatal e xestionamos de maneira directa o 15% do territorio galego en contratos de xestón pública, que supoñen arredor de 60 mil hectáreas de certificación forestal", expuxo. Por iso, reiterou, "o que pedimos é unha coordinación máis eficaz e eficiente para ter unha xestión adaptada á nova realidade e un servizo de extinción profesional e moderno".
Máis de un ano sen presentar ningunha proposta
O representante da CIG lembrou que a mesa de negociación foi aberta en agosto do pasado ano, despois de 15 meses de mobilizacións e demandas do persoal. Porén, dende esa data nada se ten avanzado máis alá dunha serie de pequenas melloras (de aplicación mentres non haxa novo acordo) para compensar unha parte do enorme exceso de horas ocasionado polo período extraordinario de gardas regulado no pacto de 2008.
En setembro pasado, explicou Bruña, a Xunta comprometeuse a elaborar unha proposta integral de reorganización que sería trasladada antes de finalizar o ano 2019, "mais a a día de hoxe a consellaría aínda non nos propuxo nada".
Reivindicacións laborais a contemplar no acordo
Fronte a isto, as organizacións sindicais demandan un acordo que contemple como mínimo, un incremento do cadro de persoal "para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal". Así mesmo, regular unha redución do horario anual -que supera ás 2000 horas-, o traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 de vacacións no verán.
Xunto a isto, demándase unha distribución da carga de traballo e unha maior organización entre a xestión dos montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais para maximizar a eficacia do servizo. Dende o colectivo tamén se reclama eliminar a dispoñibilidade absoluta á que están sometidas e sometidos os xefes de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal; así como establecer a segunda actividade e coeficiente redutor para a xubilación anticipada.
Calendario de mobilizacións
Para dar maior visibilidade ao conflito, ademais da folga, o persoal realizará concentracións periódicas na sede da Xunta de Galiza e nos edificios administrativos onde se sitúan os centros de coordinación provinciais, nos seguintes días de agosto:
- Ourense: 1, 3, 11, 19 de agosto
- Pontevedra: 1, 5, 13, 21 de agosto
- A Coruña: 1, 7, 15, 23 de agosto
- Lugo: 1, 9, 17, 25 de agosto