Persoal técnico do SPIF mobilízase nas catro provincias coincidindo co inicio da folga indefinida
Persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) da Consellaría de Medio Rural desenvolveu este sábado mobilizacións nas catro provincias galegas coincidindo co inicio da folga indefinida para demandar a negociación dun novo acordo de condicións laborais e unha resposta máis eficaz deste servizo público.
As concentracións fan parte do intenso calendario de protestas deseñado polas centrais convocantes da folga indefinida, a CIG, CCOO, CSIF e UGT. Hoxe mesmo tivo lugar unha nova mobilización diante do centro de coordinación provincial de incendios de Ourense, mentres que este mércores día 5 as accións reivindicativas trasladaranse a Pontevedra.
O paro, que comezou ás 00:00 horas deste sábado e que terá unha duración indefinida, afecta a todo o persoal técnico de incendios forestais de Medio Rural (grupos A1 e A2 escalas enxeñeiros/as técnicos forestais e enxeñeiros/as de montes) e convocouse en resposta ao inmobilismo da Consellaría para avanzar na negociación dun novo acordo que regule as condicións laborais do colectivo.
Os servizos mínimos decretados ascenden ao 95%, chegando practicamente ao 100% na maioría das provincias. Con todo, as centrais sinalan que arredor do 80% do persoal afectado (un colectivo de 120 persoas) está a secundar a convocatoria.
Dende as organizacións sindicais denuncian “a irresponsábel actitude de Medio Rural, que non foi quen de remitir proposta escrita de novo acordo das condicións laborais do persoal técnico de incendios forestais nin de molestarse en convocar unha mesa de negociación”. E acusan a Xunta de Galiza de ser, coa súa pasividade, “a culpábel do inicio da folga en pleno mes de agosto”.
Calendario de mobilizacións
Para darlle maior visibilidade ao conflito, ademais da folga, o persoal continuará coas concentracións periódicas na sede da Xunta e nos edificios administrativos onde se sitúan os centros de coordinación provinciais, nos seguintes días de agosto:
-
Ourense: 11 e 19 de agosto.
-
Pontevedra: 5, 13 e 21 de agosto.
-
A Coruña: 7, 15 e 23 de agosto.
-
Lugo: 9, 17 e 25 de agosto.