Persoal sanitario concéntrase no Clínico para amosar a súa fartura ante os abusos da Xerencia
Traballadores e traballadoras da área sanitaria Santiago-Barbanza concentráronse esta mañá ás portas do Hospital Clínico de Compostela para exixirlle á Xerencia solucións urxentes a todas as problemáticas que levan anos denunciando. Durante a protesta, profesionais dos distintos servizos e centros explicaron as situacións que están a padecer no seu día a día pola falta de persoal, a non cobertura das ausencias, que non se respecten os descansos, a precariedade e a falta de estabilidade laboral, ou as carencias en medidas de prevención.
Con esta protesta, convocada pola CIG-Saúde, o persoal quere amosar que está farto do deterioro sistemático da sanidade pública, con especial afectación no rural, e do maltrato que o SERGAS lle dispensa ás e aos profesionais sanitarios.
Neste senso, a CIG-Saúde de Compostela denuncia que se está obrigando ao persoal a traballar mediante burofax durante as súas xornadas de descanso ou que mesmo un par de días antes de comezar as vacacións, o persoal non sabe se poderá collelas ou non, xa que a Xerencia non lle confirma os días solicitados. Mención aparte é a denegación sistemática dos días de libre disposición, afondando así no esgotamento que sofre o persoal.
A isto engádese a sobrecarga de traballo que teñen que soportar os e as profesionais pola falta de cobertura das ausencias, o que supón que o resto de compañeiros e compañeiras teñan que atender esas prestacións enriba do traballo que xa teñen. Esta carencia de efectivos obriga tamén a realizar prolongacións da xornada extenuantes e asumir axendas de traballo infinitas que, ademais dunha sobrecarga física, conlevan unha sobrecarga psicolóxica pola falta de seguridade que provoca este exceso de tarefas.
Unha situación especialmente grave tendo en conta que estamos a falar de atención sanitaria e, polo tanto, de profesionais de quen depende a saúde das e dos pacientes.
Sen descansos nin vacacións
A este respecto, CIG-Saúde de Compostela alerta que a presión asistencial que existe nestes días no complexo hospitalario obriga a Xerencia a ter todos os recursos humanos dispoñíbeis "e polo tanto privándoos dun dereito fundamental como son as vacacións, os días de descanso ou que teña que ser asumida a súa prestación polas compañeiras e compañeiras que xa están sobrecargadas e cansas".
Para máis abundar, o SERGAS continúa coa súa política de precarización absoluta, con contratos por días, semanas e mesmo horas, sen ofrecer estabilidade ao persoal e agravando así a fuxida de profesionais a outros sectores e territorios.
Xunto a isto, CIG-Saúde de Compostela denuncia que non se están a respectar os acordos acadados nas mesas de negociación. Bo exemplo disto é o incumprimento da ratio persoal médico-persoal enfermeiro nos PAC, tal e como está a acontecer no centro de saúde de Lalín, onde a central nacionalista leva dende decembro reclamando a presenza dunha segunda enfermeira na quenda de noite.
Esta precariedade á que a Xunta de Galiza ten sometido á rede sanitaria pública deriva nunha obvia perda da calidade asistencial e xera atrasos no acceso á atención. Pero son as traballadoras e os traballadores quen teñen que dar a cara e ofrecer explicacións das usuarias e usuarios, "mentres quen ten a responsabilidade de garantir unha sanidade digna e de calidade dedícase a saír nos medios de comunicación asegurando que todo vai ben e dicindo que quen minte son as plataformas e os sindicatos".
Fronte a este deterioro sistemático, a CIG-Saúde reclama da Xunta de Galiza unha aposta clara na defensa de na mellora dunha sanidade pública e de calidade.