Persoal do QuirónSalud da Coruña prosegue coas protestas para esixir condicións dignas
Traballadoras/es do Hospital QuirónSalud (Hospital Santa Teresa) continuaron este martes coas mobilización para esixir a fin das discriminacións salariais, unhas condicións de traballo dignas e que a empresa solucione, dunha vez, a sobrecarga de traballo que padece o persoal debido a falta de efectivos e a gran carga asistencial que existe.
Ao berro de "neste hospital hai discriminación salarial", o persoal concentrouse primeiro na porta de entrada do centro hospitalario e despois saíu en manifestación até a porta das Urxencias, onde tamén fixo unha concentración, para finalmente retornar ao punto de partida.
Con estas mobilizacións, o comité quere denunciar o deterioro progresivo das condicións laborais e a falta de vontade negociadora da dirección que, en vez de resolver as demandas a respecto do reparto da xornada, a dignificación das retribucións, a carga de traballo ou o ambiente laboral, afonda nas discriminacións entre o persoal.
Lembra apresidenta do órgano de representación, Laura Méndez (CIG), que o QuirónSalud (propiedade do maior grupo sanitario privado do Estado) sufre un déficit de persoal derivado precisamente polas cativas condicións laborais e que afecta en especial a Enfermería. Nun intento desesperado de reter profesionais cualificadas/os, a dirección invéntase, a modo de parche, un plus para determinadas categorías "creando unha fenda salarial e agravacións comparativos entre traballadoras/es e acentuando así o malestar".
Fronte a isto, dende o comité demándalle á dirección que sente negociar para abordar en serio unha solución e buscar solucións beneficiosas para todo o persoal, "pois as profesionais somos o gran activo deste hospital e así debemos ser valoradas". Reivindican "condicións adecuadas para poder ofrecer unha atención de calidade" pois, a precariedade laboral do persoal acábase traducindo necesariamente en precariedade laboral, e iso é moi grave".
Neste senso, volve apelar á Consellaría de Sanidade para que interveña, xa que o HospitalQuirón Salud da Coruña ten un concerto co SERGAS e, neste momento, o sistema público está derivando un inxente volume de doentes á privada para poder sacar adiante as listas de agarda cirúrxicas -moi atrasadas debido á parálise sanitaria por mor da pandemia-, así como tamén deriva pacientes de medicina interna.