Persoal monitor da rede de comedores escolares de Santiago mobilízase contra a precariedade
Persoal monitor da rede de comedores escolares de Santiago de Compostela, servizo que depende do Concello e que está adxudicado á empresa 'Alimentación Saludable Gallega', concentrouse este xoves diante do Pazo de Raxoi para denunciar a sobrecarga de traballo que teñen que soportar e reclamar melloras nas condicións salariais.
O persoal leva tempo demandando que se atendan as súas reivindicacións que pasan por cuestión tan básicas como a revisión das tarefas asignadas e das ratios para axustar o número de persoas traballadoras ao número de comensais; medidas en materia de saúde laboral e prevención de riscos; melloras sociais ou salarios xustos.
Ante a falta dun convenio colectivo específico do sector, reclaman do Concello (como administración responsábel) e da empresa adxudicataria que senten negociar un acordo de melloras económicas e sociais, que garanta salarios dignos acordes á carestía da vida e dereitos que recoñezan “a visibilidade e a importancia que o noso labor ten na atención e coidados das nenas e nenos”.
Así mesmo, advirten da sobrecarga de traballo que teñen que realizar pola falta de persoal monitor e urxen a que se revisen as tarefas asignadas e as condicións laborais “garantindo tempos e recursos adecuados para prestar un servizo de calidade”. Nesta liña tamén demandar revisar as ratios e que a liberación efectiva do persoal coordinador para que podan exercer as súas funcións de organización e apoio sen sobrecarga.
Xunto a isto, o persoal dos comedores escolares pide que se recoñezan 10 horas remuneradas por curso para poder asistir a citas médicas xustificadas sen perder cartos, e “dereito a enfermar” sen penalización.
Denuncian que a día de hoxe “se faltamos un día ao traballo por atoparnos mal ou por ter que ir buscar as nosas crianzas, a empresa descóntanos uns 50€ diarios da nómina, algo que é completamente inasumíbel”.
Finalmente, o colectivo tamén pide da Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade na atención ao alumnado con necesidades especiais e garanta a presenza de persoas coidadoras ou monitoras específicas para este fin e que estes postos se cubran de maneira estábel para garantir así unha atención adecuada ao conxunto do alumnado.