O persoal de Losán mobilízase na Xunta para reclamar a constitución urxente dunha mesa de negociación

Advirten que o tempo se esgota e non hai un plan de viabilidade para manter os preto de 200 empregos e a actividade produtiva das fábricas
Santiago de Compostela - 15 Abr 2026

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán mobilizáronse este mércores diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano para reclamarlle á Consellaría de Industria a convocatoria urxente dunha xuntanza para abordar o futuro dos empregos e da actividade industrial, ante a incapacidade da empresa para elaborar un plan de viabilidade e a inminente entrada no concurso de acredores.

O obxectivo desta reunión, explican, é constituír unha mesa de negociación na que participen todas as partes implicadas: SEPI, a Consellería de Industria, os alcaldes de Vilasantar e Curtis, a empresa e os comités de Industrias Losán e Aserpal.

O comité apunta que tras a xuntanza celebrada o pasado 4 de marzo na Consellería de Emprego, na que participaron o secretario xeral de Industria, a directora do IGAPE e o secretario xeral de Relacións Laborais, o comité solicitou unha nova reunión para coñecer con detalle a situación do proceso, ante a escasa información facilitada pola empresa. “A intención era deseñar conxuntamente un plan de viabilidade aproveitando as competencias das administracións implicadas”, sinalan.

A representación social lembra que están en perigo arredor de 200 postos de traballo en Galiza, afectando directamente a concellos rurais como Vilasantar, Curtis, Mesía, Oza-Cesuras, Boimorto, Irixoa e Melide, así como á cidade da Coruña, onde se atopan as oficinas centrais. Ademais, poñen énfase na delicada situación “extremadamente crítica e insostíbel” que está a sufrir o conxunto do persoal, a quen se lle adebedan xa cinco nóminas.

O tempo esgótase

Debido á falta de resposta da administración, o comité reiterou por escrito a súa solicitude a todas as partes presentes na devandita xuntanza. “A única contestación recibida foi por parte do secretario xeral de Relacións Laborais, quen manifestou a súa disposición a mantela, indicando que a xestión correspondíalle á Consellería de Economía e Industria. Porén, desde o 16 de marzo non se produciu ningún avance e, xa no mes de abril, o tempo esgótase para atopar unha solución real e con futuro”, denuncian.

Ante a desesperada situación, a propia empresa rematou por sumarse a petición dunha mesa de negociación con todas as partes implicadas.

Por todo isto, e ante a falta de vontade para escoitar as súas demandas, as traballadoras e traballadores acordaron mobilizarse “para facer oír a nosa voz”. E conclúen que o único que están reclamando é “o dereito a ter un emprego e salarios dignos na nosa terra, nun sector declarado, ademais, estratéxico”.