Persoal laboral da Xunta concéntrase en San Caetano para exixir a restitución de todos os seus dereitos laborais
Ao remate da concentración deron lectura a un comunicado no que lembraron que as/os empregadas/os públicas/os levan sufrido, desde o ano 2010, todo tipo de recortes: diminución do 5% do salario desde maio de 2010; eliminación da paga extra de decembro de 2012, aínda pendente de devolver; conxelación salarial no ano 2011 e sucesivos; nova perda de poder adquisitivo a través da eliminación do complemento específico das pagas extras (medida por certo aplicada só en Galicia); eliminación das axudas do Fondo de Acción Social; redución do complemento por incapacidade temporal e do salario por enfermidade; eliminación dos días de descanso adicional por antigüidade; redución dos días de asuntos propios; supresión do dereito a comedor; eliminación da compensación por traballar en domingos e festivos; redución do descanso semanal a día e medio; non cobertura de vacantes e taxas de reposición insuficientes para que os centros de traballo conten cun cadro de persoal necesario para atender as demandas dos usuarios e garantan a conciliación laboral e familiar dos traballadores; concursos de traslados que deberían convocarse anualmente, pasan ata cinco e seis anos entre convocatorias; ....
Diante disto, exixiron a reversión da Lei 1/2012 de medidas no emprego público, especialmente no que se refire á suspensión do artigo 19 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, e a derrogación da disposición adicional décimo cuarta da Lei 1/2014, de 19 de decembro de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2015, pola que se suspende o art. 19.1 do convenio colectivo, así como o primeiro parágrafo do punto 3.3.8 do acordo polo que se establecen as condicións especiais de traballo do persoal do servizo de prevención de incendios forestais de Galicia.
Ademais, demandaron a restitución dos artigos do Convenio Colectivo suspendidos: 100% das retribucións en caso de IT, dereito a comedor, compensación por traballo en domingos e festivos, gratificación por xubilación; ...
Xunto a isto, pediron a recuperación do Fondo de Acción Social; a recuperación do poder adquisitivo perdido nestes últimos anos (en torno a un 25%); a convocatoria inmediata do concurso de traslados nos termos establecidos no Convenio Colectivo e que se recupere unha auténtica negociación colectiva que, fuxindo de intereses electoralistas, permita a restitución paulatina dos seus dereitos económicos e laborais.