Persoal investigador sanitario forza unha reunión co ministro de Sanidade para denunciar a precariedade e a falta de convenio
Un grupo de traballadoras/es da Fundación Fundación Biomédica Galicia Sur forzou hoxe unha xuntanza co ministro de Sanidade, Salvador Illa, co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para trasladarlles a súa problemática laboral, en concreto a precariedade que padecen e a falta de negociación do convenio para as tres fundacións de investigación sanitaria galegas.
Persoal de Galicia Sur e membros da CIG-Saúde aproveitaron a visita dos tres dirixentes políticos ás instalacións do pooling no hospital vigués Álvaro Cunqueiro para desenvolver unha concentración durante a que amosaron cartaces nos que se podía ler “Investigación solución xa”, “Estabilidade laboral”, “Convenio xa” ou “Investigación en precario”.
En consecuencia, o máximo responsábel da sanidade española viuse na obriga de recibir a unha representación das traballadoras/es, encontro no que tamén participaron o conselleiro e o alcalde. Por parte do persoal estiveron presentes tres representantes da CIG no comité de empresa, Paula Cerezo, Ana Muñoz e Carlos Spuch.
Segundo explican, en primeiro lugar expuxeron a situación de estancamento na negociación do convenio para es tres fundacións de investigación sanitaria galegas e da precariedade xeral que hai arredor da investigación. “O ministro díxonos que se facía cargo e que o entendía, pero que non era o seu ámbito, polo que se comprometeu a poñernos en contacto co ministerio de Ciencia e Innovación”.
Pola súa banda, o conselleiro confirmoulles que xa tiñan designado substituto para a mesa negociadora, “e que en breve comunicaríannos unha data para retomar as negociacións”.