O persoal do Grupo Losán alerta do deterioro irreversíbel pola demora do investidor e a irresponsabilidade da dirección
Os cadros de persoal do Grupo Losán queren facer pública a situación límite que atravesan as distintas factorías da compañía como consecuencia “da prolongada e inxustificábel dilación na entrada do novo investidor”. Un proceso, sinalan, que non pode desligarse da responsabilidade directa da dirección do grupo e que, lonxe de achegar estabilidade, “está a afundir o persoal nunha agonía laboral e persoal sen precedentes”.
As plantas do grupo, repartidas entre Galiza, Castela e León e Castela-A Mancha, atópanse hoxe gravemente afectadas por unha falta de liquidez que se traslada directamente ao persoal, ao que se lle deben a nómina do mes de novembro, a paga extraordinaria de nadal e a nómina de decembro, “sen que exista unha folla de ruta clara, datas concretas nin compromisos firmes por parte da empresa”.
Problema enquistado e sostido no tempo
Esta situación, advirten os comités, non é puntual nin conxuntural, senón que se trata dun problema enquistado, sostido no tempo e “derivado dunha xestión empresarial incapaz de garantir o cumprimento das súas obrigas básicas”. Esta nefasta xestión provocou un goteo constante de saídas de traballadoras e traballadores, en moitos casos amparadas por sentenzas xudiciais que constatan o incumprimento reiterado das obrigas salariais.
“O resultado é un drástico adelgazamento dos cadros de persoal en todas as factorías, até o punto de comprometer a capacidade real do grupo para retomar a actividade produtiva con garantías mínimas, mesmo no caso de que a operación co investidor chegue a pecharse”, destacan.
A este respecto, subliñan que non se está a perder unicamente emprego, “senón coñecemento industrial, experiencia técnica e capital humano construído durante décadas nun grupo que foi referencia do sector da madeira”.
Neste escenario, o persoal amosa a súa profunda decepción con todas as partes implicadas, comezando pola dirección do Grupo Losán, seguindo pola banca, a SEPI, e as demais administracións implicadas: Xunta de Galiza, Xunta de Castela e León e Xunta de Castela-A Mancha. “Malia teren dado o seu visto e prace á operación co investidor, estas permanecen nunha posición de inacción, sen esixir responsabilidades polos atrasos acumulados nin polo incumprimento dos compromisos, sen impor penalizacións por demora nin promover unha modificación das condicións de pagamento que permita aliviar unha situación que xa é insostíbel”, critican os comités.
Cómpren actuacións urxentes
O persoal esixe unha implicación real e efectiva “acorde coa dimensión social, territorial e industrial do Grupo Losán, cuxas plantas sosteñen emprego directo e indirecto en varias comunidades autónomas e resultan estratéxicas para comarcas enteiras eminentemente rurais, onde as alternativas laborais son escasas ou inexistentes”.
As traballadoras e os traballadores reclaman decisións inmediatas, o pago urxente dos seus salarios e unha actuación firme de todas as partes implicadas. “A defensa do emprego e do futuro industrial esixe pasar das palabras aos feitos, e o persoal está disposto a loitar para evitar que se consolide este proceso de abandono. Cada día que pasa sen solucións non é simplemente un día máis: é un día máis de perda de emprego, de talento e de futuro industrial”, afirman.
Por todo isto, as traballadoras e os traballadores do Grupo Losán acordaron convocar unha xornada de manifestacións en cada centro de traballo para o vindeiro 15 de xaneiro e mobilizarse ese día todas e todos de maneira simultánea.