Persoal gardacostas leva á Delegación do Goberno as súas reivindicacións pola inclusión no réxime do mar
Persoal gardacostas concentrouse este martes diante da Delegación do Goberno na Coruña para denunciar a discriminación que sofren e reclamar que se inclúa a este colectivo no réxime especial do mar e se lle recoñeza o dereito a acceder a xubilación anticipada.
Nestes momentos hai unhas 250 persoas que traballan para o servizo de gardacostas de Galiza, das que arredor de 100 son persoal funcionario da Xunta e o resto está contratado a través de empresas privadas.
O persoal de empresa privada -co que comparte embarcación e tarefas- está incluído no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores e Traballadoras do Mar e, polo tanto, ten asegurado o acceso á formación necesaria para traballar no mar, aos recoñecementos médicos e á xubilación anticipada con coeficientes redutores.
Porén, explicou Roberto Varela, voceiro do colectivo, ao persoal gardacostas da Xunta aplícanselle as obrigas exixidas polo Instituto Social da Mariña (ISM) para poder embarcar pero non ten recoñecidos os beneficios dese réxime, debido á súa condición de persoal funcionario.
Desleixo das administracións estatal e galega
Hai xa un ano, a CIG reuniuse, por primeira vez, coa consellaría do Mar para que solicitara ao ISM a inclusión do persoal gardacostas no Réxime Especial do Mar, por similitude de ámbito laboral e funcións; entendendo que se trata dunha clara discriminación por razón do réxime xurídico.
Ante a falta de solucións, a CIG impulsou unha emenda á Lei de pesca sostíbel para rematar con esta exclusión e se recoñecera un coeficiente redutor do 0,15 para todo o persoal gardacosta que podería ser ampliado por razón das súas funcións, e con carácter retroactivo afectando a toda a vida laboral. A emenda foi vetada polo Goberno español.
Mais dende o propio PSOE comprometéronse directamente a buscar unha solución se a Xunta instaba ao diálogo. Pero transcorridos xa tres meses e a pesares de terllo solicitado, "non temos resposta de ningunha das administracións". Por iso, o persoal desenvolveu a pasada semana unha concentración diante da Xunta de Galiza e este martes trasladou novamente as protestas á Delegación do Goberno na Coruña, "porque imos a polos nosos dereitos, por un traballo seguro e por unha vellez digna”.
Aínda que o persoal tiña previsto ser recibido polo delegado, a administración estatal escusou a xuntanza debido ao nomeamento de Xosé Miñones como ministro de Sanidade. Previamente, a escusa para non atender as reivindicacións do persoal gardacostas, apunta a secretaria nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, era que estaban á espera dun informe do ISM.
"Parece que non hai intención de mover nada, porque levamos meses esperando unha reunión. Tampouco sabemos se a conselleira do Mar se dirixiu ao Goberno español, pero cando se nos responde co silencio, entendemos que non houbo ningunha xestión por ningunha das partes".
Neste senso, Burgos reitera que o desleixo absoluto tanto do Goberno español -que é quen exerce a exclusión directa deste colectivo e bota balóns fóra alegando que é a Consellaría do Mar quen ten que dirixirse á administración estatal-, como da Xunta de Galiza, que non aclara se iniciou as xestións oportunas.
Cómpre subliñar que o persoal funcionario gardacostas encárgase da vixilancia, busca, salvamento, protección do medio mariño, loita contra o furtivismo e da loita contra a contaminación mariña.