Persoal funcionario da Xunta na Coruña pide a dimisión de Barreiro pola súa "nefasta xestión"
Persoal funcionario da Xunta de Galiza na Coruña concentrouse este xoves diante do Edificio Administrativo de Monelos para esixir a dimisión do director xeral de Función Pública, José María Barreiro, "pola súa manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos". Con esta protesta, convocada pola Xunta de Persoal, queren denuncian que as actuacións de Barreiro están causando un enorme prexuízo aos dereitos das persoas empregadas públicas e non se descarta convocar novas mobilizacións nas próximas semanas.
Durante a concentración cantáronse consignas pedindo a dimisión de Barreiro e en repulsa á política de persoal da Xunta que el representa. "A incompetencia do director xeral da Función Pública é clara desde que foi nomeado, e deixase ver nas súas actitudes nas mesas de negociación. Son 12 anos de incapacidade na xestión de persoal e de asuntos sen resolver, ou mal resoltos", denuncia a Xunta de Persoal Funcionario.
Sobre esta última cuestión salientan a consolidación prevista na disposición transitoria décima do V Convenio do Persoal laboral, os concursos de traslados do persoal laboral e do persoal de corpos especiais, e de veterinaria, ou a RPT do persoal do Consorcio do Benestar.
A mala xestión, engaden, dáse tanto nos procesos selectivos -especialmente os de promoción interna- nos que se teñen deixado vacantes un importante número das prazas convocadas e nos que se fan probas totalmente desequilibradas; mais tamén nos "interminábeis" concursos de traslados, "que ou levan décadas de atraso ou unha vez convocados se prolongan case permanentemente".
Sobre as consecuencia da parálise do concurso de traslado, explican que prexudica economica e profesionalmente as persoas que solicitaron participar, mais tamén as persoas usuarias dos servizos públicos, xa que a interinidade a que este xeito de actuar condena o persoal (desde o que se encarga de materias tan sensibles como a valoración de discapacidade, dependencia ou menores até as xefaturas de servizo posto que nunca se convocou o concurso específico recollido na lei) incide nunha deficiente prestación dos servizos.
Así, subliñan que a esaxerada rotación do persoal impide que o traballo sexa xestionado coa necesaria perspectiva por parte do persoal asignado, ao que hai que sumar as amortizacións sistemáticas de prazas co conseguinte aumento da carga de traballo para os empregados e empregadas que quedan.