Persoal fixo de Correos reclama poder acceder á xornada completa para rematar coa precariedade
Traballadores a traballadoras de Correos mobilizáronse a primeira hora desta tarde para denunciar a situación de precariedade laboral que padecen e reclamar poder acceder a un posto de traballo a xornada completa. No decurso da concentración anunciaron que irán á folga os días 22, 23, 24 e 25 de maio.
Este persoal, con relación laboral fixa de xornada parcial, denuncia que practicamente non ten opción ningunha de conseguir un posto de traballo a xornada completa, a pesares de levar máis de dous anos, ou preto de tres nalgúns casos, neste centro de traballo.
Explican que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A. ten convocada unha oferta de emprego en distintas áreas de traballo cun total de 160 prazas na provincia da Coruña, das que 113 son a tempo completo.
Sinalan que no que afecta ao Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla, Correos ten asignadas practicamente todas as prazas de novo ingreso en xornada completa –que son un total de 34- para postos de Axente de Clasificación.
Persoal fixo a tempo parcial
Denuncian que o persoal fixo na empresa, en xornadas de tempo parcial, ve limitadas as súas lexítimas opcións de poder mellorar as súas precarias condicións laborais porque “hai unha imposibilidade para poder acceder, nun tempo prudencial, a un posto de traballo a tempo completo”.
Consideran que, deste xeito, quedan abocados a unha situación de precariedade laboral, mentres quen acceda de novo ingreso nesta nova convocatoria de consolidación de emprego gozará de contrato de traballo fixo pero con xornada completa.
Por iso, con esta mobilización e as xornadas de folga previstas exixen a Correos unha inmediata solución a esta situación.