Persoal e residentes reclaman condicións dignas na residencia Concepción Arenal
Traballadoras e residentes da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña (de titularidade pública pero xestionada pola empresa Samaín Servizos á Comunidade, do Grupo Clece) levan máis dun mes mobilizándose para denunciar a falta de persoal e a atención precaria que se presta ás persoas usuarias por este motivo.
Porén, nin a empresa concesionaria nin a Xunta de Galiza teñen adoptado medidas para corrixir os déficits de persoal que esta residencia da Coruña leva anos arrastrando, pero que se agravaron coa entrada de Samaín, xa que, de primeiras, nin sequera subrogou a catro traballadoras do servizo de limpeza (que inclúe a limpeza das plantas, o servizo de lavandería e o tren de lavado da cociña).
Esta decisión supuxo deixar en mínimos un cadro de persoal que xa estaba moi axustado, e que agora se ve sobrecargado e incapaz de garantir as condicións de hixiene e desinfección necesarias nunha residencia na que viven 150 persoas. A isto hai que sumar a falta de persoal auxiliar suficiente polo que, "no mellor dos días, hai unha ratio de 2,5 auxiliares por cada 30 residentes. Temos 7 auxiliares menos cada día", alertan.
As consecuencias sófrenas as traballadoras, que teñen que asumir unha sobrecarga de traballo e uns ritmos frenéticos, e as propias persoas residentes, condenadas a vivir nunhas condicións "indignas". "Hai residentes que van almorzar sen asearse ou que son levantadas ás 12 da mañá despois de pasar 14 horas na cama e sen probar alimento", denuncian as delegadas da CIG.
A isto hai que engadir que non se están a cumprir coas ratios de DUE estabelecidas na normativa de aplicación, e de feito, na maioría das quendas de noite e en moitas quendas de día, non hai presenza de persoal de enfermería titulado, cando así o obriga a lexislación nos centros con máis de 40 residentes. Samaín, lonxe de corrixir esta eiva, pretende suplir a falta de DUE con persoal sen titulación o que constitúe unha manifesta ilegalidade e unha irresponsabilidade absoluta coas persoas residentes e coas propias traballadoras.
Esta situación foi denunciada en diversas ocasións pola representación da CIG tanto diante da Inspección de Traballo, como na Consellaría de Política Social e incluso na Fiscalía, pero nin a empresa, nin a Xunta de Galiza "nos fan caso". As delegadas da CIG critican este manifesto desleixo da Xunta (titular deste centro residencial) que en lugar de exercer as súas labores inspectoras e obrigar a empresa a cumprir cos pregos de condicións, consinte e promove estas prácticas que mercantilizan os coidados.
Porque ademais da atención precaria, as propias persoas residentes denunciaron durante a concentración a mala calidade da comida, con menús repetitivos e que escasamente incorpora alimentos frescos, xa que a maioría son conxelados.
Mais as traballadoras non queren ser "cómplices deste abuso " e por iso acordaron mobilizarse todos as semanas ás 11:30h diante da residencia de Matogrande, primeiro os xoves e dende o próximo 23 de novembro, todos os mércores. As protestas iniciáronse o pasado 6 de outubro e continuarán mentres a empresa non reforce os cadros de persoal para garantir a calidade asistencial e unhas condicións dignas para os/as residentes e as traballadoras.