Persoal e pacientes do Álvaro Cunqueiro, en pé de guerra polo caos de tráfico e de aparcamento
A Xunta de Persoal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo vén de iniciar unha campaña de mobilizacións contra a caótica situación do tráfico no exterior do centro médico e os problemas de acceso aos aparcamentos. Traballadores/as e usuarios/as desenvolveron esta mañá unha concentración na entrada principal do edificio e diante do despacho da dirección para reclamar que se ordene a circulación e se habiliten máis prazas de estacionamento.
A representación dos empregados/as aproveitou a protesta para denunciar a chegada de máis de 1600 multas a traballadores/as e usuarios/as do Álvaro Cunqueiro por ter estacionado nas inmediacións do centro médico “a pesar de que o alcalde repetía constantemente nos medios de comunicación que só se sancionaría a aqueles vehículos que obstaculizasen o tráfico”.
Dende a Xunta de Persoal critican que estas declaracións fixeron que a xente se confiase “e agora estamos a ver como chegan multas de 200 euros derivadas das denuncias feitas pola empresa concesionaria hai catro ou cinco meses, que defende o seu negocio e quere que se estacione no aparcamento privado”.
Diante disto, reclaman a ordenación do tráfico nas inmediacións do hospital e a mellora dos accesos ao aparcamento tanto de traballadores/as como de usuarios/as. Tamén apostan por que se habiliten as prazas de estacionamente que hai en superficie, así como que se poña o parking de Urxencias -que se atopa practicamente baleiro- a disposición dos empregados/as.