Persoal dos xulgados rexeita en Vigo a Lei de Eficiencia para reformar a xustiza
Arredor de 200 traballadores/as dos xulgados de Vigo mobilizáronse hoxe na Cidade da Xustiza para amosar o seu rexeitamento á nova Lei de Eficiencia coa que se pretende reformar a administración de xustiza xa que o Ministerio segue a negar o incremento do complemento xeral do posto e sen aclarar se vai negociar as funcións, a carreira profesional ou o teletraballo.
Os sindicatos convocantes dunhas protestas que se repetiron noutras zonas do Estado -a CIG, CCOO e STAJ- denuncian que o Ministerio de Xustiza tratou por todos os medios de afogar o conflito do persoal da administración de xustiza, “negando ou dilatando unha e outra vez a solución aos puntos da plataforma reivindicativa”.
Todas as veces que o Ministerio propuxo unha saída parcial ao conflito global, que realmente afecta a 45.000 traballadoras/es, a resposta sindical unitaria sempre foi negativa, “até o día 21 de marzo en que CSI-F e UGT sentaron a negociar na mesa do ámbito transferido, afastándose dos puntos da negociación global e asinaron acordos que nada teñen que ver coas melloras reclamadas para a totalidade do colectivo”. De feito, o Ministerio segue negando o incremento do complemento xeral do posto e sen aclarar se vai negociar ou non as funcións, a carreira profesional ou o teletraballo.
En consecuencia, a negociación do proxecto de Lei de Eficiencia non avanza, “pois o Ministerio segue sen dicir se acepta ou non algunha das nosas reivindicacións máis importantes”. Por iso o persoal xudicial optou por convocar mobilizacións, que terán continuidade nos vindeiros días.
Principais reivindicacións do colectivo
-O recoñecemento profesional e retributivo das funcións que se desenvolven.
-A carreira profesional e a garantía na Lei de Eficiencia de centros de destino concretos que siga permitindo a elección do posto de traballo, impedindo a mobilidade funcional e xeográfica forzosa.
-A suba do complemento xeral do posto en contía equiparable á do corpo de LAX, eliminando os grupos de poboación.