Persoal dos urbanos e da recollida do lixo de Ourense unen forzas por uns convenios dignos

As seccións sindicais da CIG denuncian a parálise das conversas e esíxenlle ao Concello que medie para garantir que as empresas negocien de boa fe
Ourense - 14 Nov 2024

Responsábeis das seccións sindicais da CIG nas empresas concesionarias dos autobuses urbanos e da limpeza viaria e recollida do lixo do Concello de Ourense compareceron hoxe en rolda de prensa diante do consistorio para anunciar a convocatoria de mobilizacións no caso de que continúe a parálise na negociación dos respectivos convenios colectivos. Dende a central sindical esíxenlle ao Goberno local que medie para garantir que as empresas retomen as conversas e o fagan coa boa fe que establece a normativa laboral.

Foi o propio secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, quen tamén participou na rolda de prensa, o que lembrou que as dúas concesións -as de maior volume do Concello-están en precario dende hai anos e teñen o convenio caducado desde o 31 de decembro de 2023. “O alcalde ten que exercer as súas responsabilidades, xuntar as dúas partes e garantir que as empresas negocien de boa fe; porque ningunha se moveu da súa posición inicial e o único que pretenden é restarlle beneficios sociais e poder adquisitivo ao persoal”.

Ao mesmo tempo, denunciou que a táctica negociadora de ambas empresas consiste en dilatar o proceso até finalmente afirmar que non ían negociar máis nin facer novas propostas. “Todo coa complicidade do Goberno municipal, que está resultando incapaz de sacar adiante os pregos para unha nova concesión”.

Por iso lamentou que esta situación “aboca a un futuro, no inmediato, de conflitividade laboral, tendo en conta, ademais, que as patronais están forzando eliminar dos pregos as condicións económicas e sociais das persoas que traballan nestes servizos”.

Nestas mesmas ideas incidiu Rubén Mouro, representante da CIG no comité de Urbanos de Ourense. Explicou que negociaron ao longo de 2023 sen avances significativos. “E o mes pasado a dirección sentouse e dixo que non había oferta porque estaba en marcha a licitación do servizo, o que consideramos unha manobra oportunista dunha empresa que se atopa moi cómoda cun contrato en precario dende 2025”. De feito, sinalou que Urbanos de Ourense ten recoñecido por sentenza uns xuros do 6% por enriba do custe de explotación, polo que o Concello está obrigado a pagarlle 16 millóns de euros.

A continuación tomou a palabra, Adelina Basteiro, de Ecourense, concesionaria da limpeza viaria e recollida do lixo. Censurou que o contrato tamén se atopa en precario, mentres a empresa segue a obter beneficios, “como os que recentemente logrou a maiores grazas a unha sentenza -máis de 800.000 euros- e que non repercutiron nas persoas traballadoras.
Ademais, reclamou celeridade co prego de condicións, “xa que queremos marchar para outra empresa sen ter asinado antes o convenio”.

Neste senso, lembrou que o Goberno local leva dende abril de 2020 anunciando a súa publicación, “pero o certo é que catro anos despois o contrato está en precario e a empresa segue aumentando os beneficios sen nin sequera repercutir o IPC nos nosos salarios”.

Finalmente, os dous responsábeis sindicais adiantaron a posibilidade de celebrar asembleas de persoas traballadoras para propoñer a convocatoria de mobilizacións conxuntas “ante un Concello que en lugar de ser parte da solución é parte do problema porque non exerce as súas responsabilidades a pesar de que se trata de dous importantes servizos municipais”.