Persoal dos PAC denuncia diante do Parlamento o seu silenciamento na comisión de investigación
Traballadoras e traballadores dos PACs de Galiza concentráronse esta mañá diante do Parlamento para manifestar o seu rexeitamento á Comisión de Investigación na que consideran que “se nos ten silenciado como colectivo para esclarecer o que ten acontecido na Estrada e a situación que estamos a vivir en todas a sanidade pública nestes momentos”.
Así o explicaba Pilar Rodríguez, representante da CIG, ás portas do Pazo do Hórreo, onde denunciou que Feijóo “se erixiu en representante do persoal” cando “en todo momento está derivando a responsabilidade cara o noso colectivo. Mesmo chegou a acusarnos de ser responsábeis da mala situación da atención primaria en Vigo”.
Ademais, con esta concentración, o persoal dos PACs pretendía presionar para que se lles escoite porque “estamos desde hai máis dunha semana nunha folga indefinida e o comité de folga sen convocar mesmo logo de dous paros parciais que tivemos anteriormente”.
Neste sentido Rodríguez lembrou que levan máis de 8 meses en distintas mobilizacións reivindicando un cambio na situación asistencial e laboral nas distintas áreas. “Fixemos dúas grandes mobilizacións fronte a Sanidade e en reunións coa consellaría que foron completamente estériles, porque non se pretendía en ningún momento dar resposta ás nosas reivindicacións, que son moi básicas”.
Demandas do colectivo
As súas demandas seguen sendo os 11 puntos iniciais. Entre elas, Rodríguez salientou a exixencia de equipos completos de enfermeira e médica en todos os centros, imprescindíbel para poder garantir unha atención de calidade porque “é imposíbel ofrecer unha asistencia de calidade cun/ha sanitario/a exclusivamente” e así mesmo foi declarado por algún directivo do SERGAS nesta comisións.
Demandan, xa que logo, que os PACs se doten do persoal necesario e que se actualicen tamén os plans funcionais porque os que teñen son de 2008 e “están obsoletos respecto das asistencias que estamos prestando nestes momentos”.
Tamén demandan a equiparación co resto de colectivos do SERGAS, en materias como permisos e baixas por IT e dietas por nocturnidade e festividade que se lles tiñan que complementar xa en 2010, para chegar ao 100% dos complementos, entre outras cuestións.