Persoal dos PAC da área sanitaria viguesa reclámanlle ao Sergas o cómputo de xornada do ano pasado
Uns grupo de profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria viguesa, agrupados/as no colectivo 'PAC´s en pé de guerra', desenvolveu hoxe unha mobilización diante da sede do Sergas en Vigo para rexeitar o xeito en que se contabiliza o tempo de traballo, ao tempo que entregaron escritos individuais reclamando que se lles facilite o cómputo de xornada do ano pasado.
Dende 'PAC´s en pé de guerra' explican que tras a liquidación das nóminas do ano 2017 non lles facilitaron os datos en base aos que se fixo a liquidación “xa que temos que solicitalos por escrito”. En consecuencia, decidiron presentar escritos individuais reclamando esta información, nunha iniciativa coa que tamén queren denunciar que a Administración continúa sen propostas a respecto dunha das principais reivindicacións do colectivo, que ten que ver coa xornada laboral.
A forma en que o Sergas contabiliza a xornada non asegura a neutralidade das baixas nin dos permisos
“A forma en que contabiliza a xornada o Sergas non asegura a neutralidade de permisos nin das baixas, polo que nos vemos na obriga de facer xornada por riba do marcado en calendario para 'compensar' en caso de solicitar permisos ou de enfermar”, sosteñen.
Ao mesmo tempo, amosan a súa preocupación pola posibilidade de que o colectivo médico e enfermeiro en especial vexa aumentada a súa xornada anual durante os meses de verán, cando na área de Vigo a carga de traballo xa se ve incrementa significativamente por mor do turismo, con zonas onde o aumento de poboación é moi significativo. “A carga vaise ver multiplicada co peche dalgúns centros de saúde polas tardes en período de verán que obrigará a pacientes e usuarias/os a utilizar os servizos de urxencias como alternativa, sen que estes servizos sexan reforzados”.
Finalmente, adiantan que continuarán a mobilizarse até que a Administración acepte a aplicación dos 11 puntos nos que resumen as súas reivindicacións, unhas reivindicacións cuxo obxectivo é que se cumpra o pacto de 2008 e o Estatuto Marco, “normas que xa deberían estar consolidadas, sendo a maioría destas relacionadas coas condicións de traballo e coa calidade asistencial”.
Principais demandas do colectivo
Os 11 puntos básicos que demanda o colectivo de profesionais dos PAC comezan pola xornada laboral: que a xornada efectiva non supere as 1451 horas anuais, e que calquera exceso de xornada debe de ser voluntaria, incentivada e por tramos.
As outras 10 cuestións pasan por contar con equipos completos para o persoal médico e de enfermería en todos os PAC; por que se respecten os tempos de traballo conforme ás directivas europeas; eliminar dos obxectivos as “derivacións hospitalarias” ou calquera outro tipo de eufemismo para referirse a estas; e que se doten os PAC en base a criterios de carga asistencia, dispersión xeográfica e distancia ao hospital de referencia; o pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade con carácter retroactivo dende 2010.
Tamén reclaman o cómputo neutro para os permisos retribuídos; que se conten como xornada laboral as asistencias ás reunións coa Xerencia; que as dietas de domingos e festivos sexan abonadas polos conceptos de xantar e cea; a elaboración dos calendarios de quendas dándolle prioridade ao persoal propio dos PAC; e que se dote de EPI's a todo o persoal que traballa nos PAC, sexa fixo, en formación ou eventual; neste último punto reclaman tamén un circuíto de limpeza que evite ter que lavar a roupa no domicilio persoal e que asegure a súa disposición na seguinte quenda de traballo.