Persoal dos concesionarios Yáñez da Coruña e Ferrol mobilízase polo cobro dos salarios e garantías de emprego

A Coruña/Ferrol - 07 Abr 2025

Traballadoras e traballadores de Yáñez mobilizáronse esta tarde diante dos concesionarios que a empresa ten na Coruña e Ferrol para reclamar o cobro dos seus salarios e un plan de viabilidade que garanta o mantemento dos postos de traballo.

Os delegados e delegadas da CIG denuncian a desaparición do xerente e a falta de información da empresa a respecto da solicitude de preconcurso, do que tiveron coñecemento por terceiras vías. Neste contexto de incerteza, a pasada semana o administrador do preconcurso presentouse nos concesionarios (agás Ferrol, a onde tiña previsto acudir esta tarde, pero finamente non apareceu) para informar que a empresa non ten liquidez e que non se pagará a nómina de marzo.

Ademais tamén comunicou a súa intención de levar adiante unha importante reestruturación do cadro de persoal (formado por 114 traballadores/as) a través dun ERE -cun número de despedimentos aínda sen concretar- e un plan de viabilidade para o resto de persoal que continúe na empresa. 

Xestión nefasta

A representación da CIG  apunta que os problemas en Yáñez (concesionaria oficial de Wolkswagen na provincia) se veñen repetindo dende hai anos, con atrasos constantes tanto no abono das nóminas como das pagas extraordinarias, que sempre se percibiron fóra dos prazos legais.

A nefasta xestión por parte da dirección tamén levou a que, dende hai tempo, os talleres non dispoñan de pezas suficientes para atender as demandas da clientela, xa que debido aos impagos, os provedores e a marca de automóbiles deixaron de enviar subministros aos talleres. Esta situación laboral afectou á saúde mental de moitos traballadores e traballadoras que caeron de baixa, ao estar sometidos a un estrés e presión insostíbeis.

De feito, a representación da CIG sinala que, aínda que as instalacións continúan abertas, os servizos que se prestan están en mínimos porque faltan pezas para atender as demanda da clientela e facer os mantementos e recambios nos vehículos.

Ante a falta de información e a incerteza absoluta, o persoal da Coruña e Ferrol acordou iniciar mobilizacións xa este luns para reclamar o pago dos seus soldos e garantías da continuidade dos postos de traballo.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.