Persoal dos centros de menores, discapacidade e infantil 0-3 reclama condicións laborais e salariais dignas

Demandan abrir un Marco Galego de Relacións Laborais e negociar no inmediato complementos autonómicos, redución de ratios e máis recursos
Nacional - 18 Dec 2025

Máis dun cento de delegados e delegadas dos centros de atención á discapacidade, centros de protección de menores e reforma xuvenil e de educación infantil na etapa 0-3, xunto con representantes sindicais, concentráronse estes xoves diante da Xunta de Galiza para reclamar condicións laborais e salariais dignas. Na protesta, convocada de maneira conxunta por CIG-Ensino, CCOO UGT, USO, CUT e SNEP, o persoal advertiu que a súa paciencia coa Consellaría de Política Social -que ten a responsabilidade e competencias nestes tres sectores- “ten un límite”.

A concentración desenvólvese ante a o silencio da Consellaría á solicitude de reunión trasladada polas seis organizacións sindicais para abordar unha serie de propostas reivindicativas. Consideran esta falta de resposta “un desprezo absoluto” ás centrais sindicais pero sobre todo ás miles de persoas que traballan nestes sectores.

“O que parecía unha estratexia da CIG que a conselleira cualificou de alboroto á que non ían responder, agora que todos os sindicatos e todo o persoal traballador facemos a mesma demanda a resposta segue a ser o silencio e manter a precariedade laboral nos tres sectores, chegando en moitos casos á explotación laboral", indicou Henrique García, responsábel de Ensino Privado da CIG.

Acusou á Xunta de Galiza de ser responsábel “de que hoxe esteamos na rúa. O seu ninguneo e a súa negativa a recibirnos, tamén hoxe sen deixarnos pasar até para entregarlle á conselleira en man os escritos que lle remitimos previamente, non vai facer que o persoal destes tres sectores dean un paso atrás na defensa da mellora das ratios, na redución da carga de traballo e na obtención de salarios a través dun complemento autonómico”, engadiu.

Con respecto á folla de ruta a seguir explicou que esta concentración é só o primeiro aviso. “Se  a Consellería non abre unha vía de diálogo real e non dá pasos para dignificar os servizos sociais, o conflito non fará máis que medrar e anunciaranse mobilizacións mais contundentes para as primeiras semanas de xaneiro, que se intensificarán”. Neste senso, García xa avanzou que por parte da CIG non se descarta a convocatoria de folga  “se a administración segue sen resposta e as patronais non dan pasos adiante con decisión e valentía”.

Demandas por cada sector

Relacións Laborais no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.

No inmediato, as seis organizacións avogan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos materiais e humanos, así como tamén ir acadando melloras laborais e sociais.

En concreto estas son as demandas que queren trasladar en cada un dos sectores:

Centros de atención ás persoas con discapacidade

  • Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as asociacións.
  • Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial autonómico.
  • Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.

Centros de menores e reforma xuvenil

  • Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
  • O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
  • A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.

Centros de Educación Infantil 0-3

  • Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
  • Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de xestión indirecta.
  • Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
  • A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.