Persoal dos centros de chamadas mobilízase en Bosch e Unísono para reclamar un convenio digno
Un nutrido grupo de delegados/as sindicais da CIG e de traballadoras/es dos centros de chamadas participou hoxe na mobilización convocada pola federación de Banca para reclamar un convenio digno no sector e rexeitar os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector.
Dende a central sindical explican que o obxectivo das mobilizacións é denunciar a precariedade laboral e o empobrecemento económico causado pola actitude avarenta das empresas do sector.
Lembran que este mes cúmprense dous anos dende que comezaron as negociacións do convenio colectivo, “tempo no que as traballadoras/es dos centros de chamadas foron un dos colectivos máis afectados pola pandemia”. Neste senso, sinalan que a alta masificación de persoal nas plataformas e a escaseza de medidas sanitarias provocaron un “auténtico caos” ao que as empresas reaccionaron “tarde, mal e arrastro”.
Neste contexto, o persoal foi enviado ás súas casas a teletraballar cos seus propios medios incorrendo en gastos que a día de hoxe aínda non foron compensados. Aínda por riba, as empresas están utilizando o teletraballo como premio ou castigo en función dos resultados, “despedindo sen miramentos a quen non cumpra os obxectivos marcados”.
Ademais, nestes dous anos de negociación os soldos permaneceron conxelados, o que unido aos baixos salarios establecidos en convenios anteriores e a suba desproporcionada do IPC -que pechou nun 6,5% a nivel estatal, pero nun 6,7% en Galiza- provoca unha perda de poder adquisitivo sen precedentes, que ascende a máis de 10.000 euros anuais en 11 anos.
“A todo isto engádeselle a constante presión e ameazas, a temporalidade, a dificultade para a conciliación, unha clasificación profesional inadecuada e obsoleta, a contratación a tempo parcial e as xornadas irregulares”.
Por todo isto, a CIG iniciou unha campaña de mobilizacións por toda Galiza para denunciar publicamente estas condicións. As protestas, que comezaron hoxe en Vigo, continuarán o martes 25 na Coruña, o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago. “Mais se esta situación non muda, tal e como xa fixemos en anos anteriores, emprenderemos accións máis contundentes”.