Persoal dos centros cívicos concéntrase no Concello de Santiago en demanda de solucións
Persoal dos Centros Socioculturais de Compostela concentrouse este venres diante do Pazo de Raxoi en defensa dos seus dereitos e para que as novas concesionarias manteñan o convenio colectivo propio. A protesta realizouse coincidindo coa última xornada da folga convocada para este mes de xullo, que rexistra un seguimento de máis do 50%, a pesar das novas contratacións do último mes.
As traballadoras e traballadores Serviplus e Nor’integra (dúas das empresas adxudicatarias do servizo) acordaron facer unha pausa temporal, xa que en agosto os centros pechan e o persoal vai de vacacións. Non obstante, xa avanzaron que o conflito non rematou e que a loita continuará no mes de setembro, data para a que están preparando unha nova convocatoria de folga.
"Seguimos solicitando das empresas Serviplus e Nor’integra a mellor vontade para poder chegar a un acordo de mínimos, e seguimos solicitando, por parte deste Concello, unha intervención neste conflito que poida achegar solucións rápidas deixando de danar un servizo que é de todas e todos", subliñan.
A este respecto, o persoal apunta que o conseguido até o momento "non é grazas ao alcalde Bugallo nin ao concelleiro de centros Javier Fernández". De feito foi a mobilización e a loita o que posibilitou alcanzar un acordo de mínimos coa empresa Atlantic Ponte para o Lote II (bibliotecas), servizo no que xa se desconvocou a folga a semana pasada.
Sobre os problemas que se rexistran nos centros, o persoal destaca:
-Unha persoa non subrogada por Nor’integra, despedida, da que reclaman que se recoñeza a súa antigüidade.
- Dúas persoas ás que Nor’integra lle reduciu a xornada nun terzo da súa orixinal sen que o concello movese un dedo por saber da súa situación.
-Un centro especial de emprego que, de ningún modo, está disposto a mellorar as xornadas das persoas subrogadas nin a respectarlle os seus dereitos de subrogación.
-Persoal de Serviplus que realizaba tarefas correspondentes a outros lotes e que se descoñece como vai ser subrogada, se lle van reducir horas (as que corresponden a outros servizos), ou se van prescindir dos seus servizos.
- Máis do 50% do persoal que até setembro-outubro non serán reincorporado ao servizo e non sabe, aínda, as problemáticas que van xurdir coa empresa nin se as van chamar.
- Un concello que non está colaborando na resolución do conflito entre persoal e empresas, a pesar de ser o máximo responsábel desta desfeita.