Persoal do servizo de limpeza do Abente y Lago mobilízase contra o despedimento de 5 compañeiras/os
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago concentráronse na mañá deste venres diante do centro hospitalario para reclamar a readmisión das cinco compañeiras e compañeiros despedidos pola nova empresa adxudicataria, Lacera.
Esta empresa, explica o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez, entrou no servizo o pasado 1 de febreiro e a seguir procedeu a despedir a cinco traballadoras/es "alegando motivos inexistentes, pois este persoal está na lista de subrogación e ten a antigüidade suficiente para que se lle aplique este dereito".
A CIG intentou en numerosas ocasións coa empresa para demandarlle que de inmediato proceda a readmisión das traballadoras, mais Lacera mantén un absoluto silencio e "nada sabemos dela".
Ante este mutismo, as traballadoras/es acordaron convocar esta primeira mobilización xa que, ademais de constituír un ataque aos dereitos recollidos no convenio, con esta medida Lacera afonda na sobrecarga de traballo insoportábel que xa se viña padecendo no servizo de limpeza, debido precisamente a ter un cadro de persoal moi axustado.
A CIG tamén se dirixiu ao SERGAS para que asuma as súas responsabilidades como titular do contrato, obrigue a adxudicataria a cumprir cos pregos e coa normativa laboral e se materialice a subrogación destas cinco persoas.