Persoal do servizo de Fisioterapia do San Rafael inicia mobilizacións contra a discriminación salarial

A Coruña - 28 Mar 2025

Persoal do servizo de Fisioterapia do Hospital San Rafael da Coruña concentrouse esta mañá para denunciar a discriminación salarial que sofre con respecto a outros colectivos profesionais homologábeis. A protesta, á que tamén se sumaron compañeiras/os doutras áreas e incluso pacientes de rehabilitación, precede á folga que está convocada neste servizo para o próximo día 3 de abril.

Esta discriminación supón que este colectivo de profesionais (arredor de 10 persoas entre fisioterapeutas e TCAE) percibe salarios moi inferiores aos doutros traballadores e traballadoras de departamentos “de importancia similar dentro do hospital e de servizos que requiren un nivel de cualificación semellante”.

Despois de varios intentos de negociar un acordo que remate con esta discriminación salarial, a empresa continúa desoíndo as xustas reivindicacións do persoal que, farto de aturar esta situación, decidiu levar adiante un calendario de mobilizacións e folgas. O primeiro día de folga será o mércores 3 de abril e os paros de 24 horas continuarán os días 10, 11, 21, 22 e 25 de abril.

Ademais, no caso de non producírense avances neste tempo, a folga adquirirá carácter indefinido a partir do día 5 de maio. De xeito paralelo está previsto realizar concentracións no hospital para dar máis visibilidade ao conflito.

Retribucións no soldo base e pluses conxelados

Karin Lenze, fisioterapeuta e membro do comité (CIG), explica que as súas retribucións están no soldo base, que teñen un plus conxelado dende hai 23 anos e outro incentivo sen actualizar dende hai 17 anos. “Pero o custe da vida non para de subir e nós estamos cuns salarios que non nos permiten chegar a fin de mes con dignidade”, denuncia.

Pon o acento en que este servizo está totalmente feminizado e a pesar de “estarmos formadísimas, actualizadísimas e ter un elevado nivel de implicación no noso traballo, a empresa non quere corrixir esta discriminación”.

Lenze critica o desinterese de IMQ San Rafael nas condicións laborais do seu persoal, xa que nin sequera atende as solicitudes de reunión alegando que non hai nada que falar. “Levamos anos tentando que se remate con esta situación, e a empresa incluso nos ten dito que é consciente de que cobramos pouco, que merecemos máis, pero logo non fai nada para subirnos os salarios”.

“Non nos queda outra que ir á folga para defender os nosos dereitos”, conclúe Lenze, mais aínda despois de coñecer hoxe mesmo que a empresa rexeitou a mediación no Consello Galego de Relacións Laborais.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.