Persoal do sector de transporte de viaxeiros das catro provincias maniféstase en Compostela pola negociación dos convenios colectivos
Traballadoras/as do sector de transporte de viaxeiras/os de toda Galiza concentráronse primeiro na estación de autobuses de Santiago e manifestáronse despois, desde alí até o Parlamento de Galiza, para demandar o cumprimento das condicións laborais e de seguridade; que se reactiven os convenios; que remate a precariedade e que a Xunta tome cartas no asunto porque, ademais, se está poñendo en risco a seguridade de persoal e usuarias. De non ser así, adiantan que incrementarán as mobilizacións e que, con moita probabilidade, irán á folga o vindeiro día 31 de marzo, pendentes dos resultados das asembleas que quedan por celebrar: Ferrol, Lugo, Ourense e Santiago”.
Segundo explicou Xesús M. Pastoriza, da FGAMT-CIG, ao inicio da mobilización, a patronal do sector ten paralizada a negociación dos convenios colectivos e na Coruña e Pontevedra ofrecen “un ridículo 0,8% de suba salarial”, pero en Ourense e Lugo, nin sequera negocian despois de 5 anos co convenio caducado.
As centrais sindicais convocantes, CIG, CCOO e UGT, aseguran que non se pode tolerar esta situación nun contexto de suba de prezos impresionante que levou o IPC a unhas cifras que hai moitos anos que non se vían.
Pastoriza engade a isto a situación laboral que soporta o persoal, cun número de despedimentos “como non houbo nunca”, con constantes incumprimentos de xornada e un exceso de carga de traballo “intolerable”. O representante da CIG denuncia que os cadros de persoal están “mal dimensionados” e que os incumprimentos do convenio son reiterados, o que está provocando que “cada vez haxa menos xente queira traballar neste sector polas malísimas condicións de traballo que hai”.
Ademais da actualización salarial o persoal engade outras demandas como a situación de acompañantes, dereito á conciliación laboral e familiar e permisos retribuídos.
Deterioro do servizo
Pastoriza denuncia ademais que Monbus, agora mesmo, ten un 75% dos servizos de liña da Xunta e aproximadamente o 50% dos servizos escolares. “Os seus incumprimentos son flagrantes, non hai máis que ver as protestas diarias que hai e como mesmo as usuarias/os se están agrupando para protestar, creando plataformas, polo mal funcionamento e para demandar melloras no servizo”. Lembra que na comarca de Ferrolterra até se celebraron xuntanzas de alcaldes e alcaldesas para tratar estas deficiencias, por “servizos que directamente non saen, que van atrasados, cambios de horarios…coa conivencia da Xunta”.
Xunto a isto o representante da FGAMT-CIG denuncia o “estado lamentable dos vehículos, comprometendo a seguridade de viaxeiras/os e condutores”. A este respecto afirma que hai un incumprimento das idades de antigüidade dos vehículos. “Non é tanto que estean ilegais, senón que fan unhas ofertas para gañar o concurso de coches cunha idade moi noviña para que lle dean uns puntos, pero logo non mercan eses coches e seguen cos vellos”.
A isto engade a “grave” falta de mantemento. Como exemplo lembra que en Santiago xa arderon dous coches, de forma espontánea, e que “non hai máis que saír ás estradas para ver coches avariados seguido”. En Ribeira a policía local chegou a inmobilizar un vehículo, porque “circulaba coas rodas lambidas e hai protestas de usuarias/os porque non funciona o aire acondicionado, hai asentos rotos…”
Responsabilidade da Xunta
A FGAMT-CIG apunta a responsabilidade da Xunta, que é quen concesiona o servizo, “cuns contratos que se fixeron de maneira que Monbus conseguira a maioría e consentiron baixadas económicas temerarias, con cifras que non darían para obter beneficios ás empresas e mesmo ofertas que aínda baixaban un 25 ou un 30%”. Isto é, segundo Pastoriza, o que “deteriora o servizo, fai que as empresas tiren dos traballadores e traballadoras, cometendo excesos de horas e teñan unha flota de vehículos en estado precario”.
Canda isto responsabiliza tanto a consellaría de Mobilidade como a de Educación de “non facer vixilancia do cumprimento dos pregos. Nós fixemos moitas denuncias e nin as contestan, nin as solucionan. A situación é un escándalo, o nunca visto”, conclúe.