Persoal do Quirónsalud da Coruña esixe melloras nas condicións laborais e salariais
Persoal do Quirónsalud A Coruña (Santa Teresa) concentrouse este xoves diante do centro hospitalario para esixir unha mellora das condicións laborais e retributivas, que remate coa discriminación salarial que aplica a dirección da empresa entre as distintas categorías.
Cómpre lembrar que xa hai ano e medio, os traballadores e as traballadoras realizaron mobilizacións por estes mesmos motivos, a dirección "segue sen dar resposta ás demandas históricas do persoal relativas á xornada, nocturnidade, festivos, domingos, aumento de ratio de persoal en todos os servizos etc.". Pola contra, denuncia o comité, nestes últimos anos os traballadores e as traballadoras sufriron unha progresiva vulneración dos seus dereitos laborais máis básicos, que se veu agravada co inicio da pandemia da Covid-19.
A emerxencia sanitaria deixou en evidencia a precariedade laboral, mais tamén a falta de recursos humanos e técnicos "e a mala xestión da dirección do hospital, que antepón, en momentos moi críticos, os seus beneficios empresariais á saúde dos/as seus traballadores/as", denuncia a presidenta do comité, Laura Méndez (CIG).
Fuxida das e dos profesionais
As cativas condicións de traballo provocan que o persoal fuxa do Quirón na procura de dun entorno laboral digno e que o centro hospitalario padece un déficit estrutural de persoal en toda as categorías, pero que afecta especialmente á Enfermería. Nun intento desesperado de reter ás e aos profesionais, no ano 2019, a dirección puxo en marcha un plan de incentivos fóra de convenio que non resolveu o problema pero si agravou as desigualdades salariais que se veñen dando entre os diferentes colectivos de traballadoras/es.
Agora, a dirección acaba de comunicar un novo plus para o persoal de enfermería, que abonará dunha única vez a finais de ano, co que pretende cubrir as necesidades asistencias durante as vacacións. Unha medida que o comité cualifica de "parche para salvar o período de vacacións", e coa que a dirección xustifica para non ter que tomar medidas máis drásticas que suporían o peche de servizos.
"Cremos que se trata dunha medida precipitada e desafortunada, que supón un agravio comparativo e un desprezo ao resto de traballadores e traballadoras, pero que non vai resolver os problemas laborais xerados pola precariedade na que a dirección do Quirón quere manter o seu persoal", advirte Méndez.
Por estes motivos, o comité acordou convocar mobilizacións para esixir melloras as laborais e retributivas "que se negou a abordar durante a negociación do convenio colectivo da sanidade privada, a pesar de ser unha das patronais máis importantes do sector".