Persoal do PAC de Lalín reclama que se cumpran os acordos que puxeron fin á folga de 2019
Persoal do Punto de Atención Continuada de Lalín concentrouse na tarde deste xoves para denunciar que transcorridos 3 anos desde que se desconvocou a folga que mantivo o persoal dos PAC durante o ano 2019, seguen sen cumprirse os acordos aos que se comprometera o SERGAS. Incumprimento que dificulta garantir unha atención sanitaria digna no centro.
Así o explica o representante da CIG-Saúde da área sanitaria de Santiago, ao que pertence o PAC, Xavier Alvedro quen lembra que o acordo que levou á desconvocatoria de folga contemplaba a equiparación do ratio nos PAC entre o persoal médico e o de enfermería. Por iso rexeitou as recentes declaracións do Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, “da implementación dun " reforzo" de persoal de enfermería no Pac de Ordes e extensible ao Pac de Lalín”.
Alvedro asegura que os datos que se proporcionaron do ano pasado, non poden ser valorados, xa que “estivo confinada a poboación a meirande parte do ano, co ocio nocturno pechado e demais casuísticas referentes á pandemia da Covid-19”.
Neste sentido, a CIG-Saúde de Compostela denuncia que existen notificacións de traballadores/as, sobre a asistencia a domicilios e no propio PAC, a Urxencias acaídas, cando o equipo completo está a facer un traslado ou atendendo unha urxencia fóra do pac, encontrándose o persoal en situación de indefensión ante a urxencia ao faltar un membro do equipo: a/o enfermeira/o.
Considera ademais que a proposta que se pon enriba da mesa, non é máis ca un parche sen xeito, e sen dar resposta ás necesidades reais dos 2 PAC ( Ordes e Lalín ) como así o demostran os datos do 2019, ano prepandémico.
Entende que calquera solución a este tema, non pasa máis que por cumprir o acordo asinado polo SERGAS de desconvocatoria de folga do 2019 e cubrir as necesidades reais dos PAC de Ordes e Lalín en quenda de Tarde e de Noite co persoal de enfermería que falta.