Persoal do naval vigués reclama unhas condicións dignas e maior seguridade laboral no Grupo Armón
Traballadores/as do sector naval vigués desenvolveron hoxe unha concentración diante das instalacións do Grupo Armón, que integra as empresas Armón Vigo e Astilleros Ría de Vigo (antiga Barreras), para reclamar unhas condicións dignas e maior seguridade no estaleiro.
A protesta convocada pola CIG-Industria, que tivo lugar na Avenida de Beiramar ás 11:00 horas baixo o lema ‘Coa saúde non se xoga’, ten por obxecto denunciar o clima laboral que se vive dentro do Grupo Armón, con altos ritmos de traballo, presión constante por parte dos encargados, incumprimentos de convenio e falta de coordinación entre as distintas subcontratas, o que está a provocar unha elevada sinistralidade.
Dende a central sindical sinalan que o Grupo Armón tense erixido como o principal estaleiro da Ría de Vigo e conta coa maior carga de traballo. “A empresa implementou o modelo de estaleiro de síntese que vén para quedarse, e que se caracteriza por que a principal se encarga de coordinar os traballos que realizan un elevado número de auxiliares”. Até o punto de que nas súas instalacións traballan na actualidade case 1000 persoas, das que unicamente 40 pertencen ás empresas principais (20 a cada unha delas, Armón Vigo e Astilleros Ría de Vigo).
Xuntanza coa empresa
Outra das problemáticas ten que ver coa falta de seguridade no traballo. Como exemplo citan o feito de que a empresa conta cun só bombeiro por cada un dos dous estaleiros, “cando o normal é que haxa un por barco”. E unha das principais reclamacións do cadro de persoal ten que ver coa implantación da xornada continua para evitar problemas derivados das altas temperaturas.
Para abordar estas e outras cuestións a central solicitou a mediados do verán pasado unha xuntanza coa dirección de Armón, “que non se fixo efectiva ante a desidia da propia empresa”.