Persoal do Hospital da Coruña retoma as protestas para esixir máis celadores/as no servizos de raios de urxencias
A Comisión de Centro do CHUAC retomou este xoves o calendario de mobilizacións para demandar máis persoal no servizo de raios de urxencias, onde a consecuencia da falta de celadores/as se están a producir colapsos na sala de espera deste servizo. As protestas repetiranse todos os xoves ás 14:40 horas e consistirán nunha concentración e posterior marcha arredor do centro hospitalario.
A secretaria comarcal da CIG-Saúde, María Formoso, explica que as e os pacientes que están á espera de probas diagnósticas urxentes "pasan horas para realizalas debido á falta de contratación de persoal celador". Estes espazos que acaban colapsados, engade, son a antesala á realización de probas diagnósticas urxentes, "polo que non debería pasar moito tempo ata a súa atención polo persoal técnico".
E unha vez rematadas as probas, a persoa doente debería regresar ao servizo de procedencia (Urxencias, planta…) sen máis demora. Porén, estas salas de espera acaban convertidas nun corredor máis de urxencias "que non contan con persoal de enfermaría adecuado para a atención asistencial, xa que é un servizo dedicado a probas diagnósticas".
Fronte ás típicas escusas esgrimidas pola Xerencia para non contratar persoal, a Comisión de Centro lembra que non hai escaseza de profesionais celadores/as nas listas de contratación, "senón que estamos ante unha medida de puro aforro, que provoca incrementos na espera da atención e baixa calidade asistencial".
Ademais do reforzo de persoal, con estas protestas tamén se reclama unha renovación inmediata dos equipos de realización de probas "adecuada a un servizo de radiodiagnose dun hospital de referencia como é o CHUAC na área sanitaria da Coruña".