Persoal do Hospital Clínico presenta un escrito na Xerencia asinado por máis de 1.100 traballadores/as
Camas avariadas, fochancas nos corredores, ascensores desnivelados… son algunhas das incidencias que recolle o escrito asinado por máis de 1.100 traballadores/as que foi entregado esta mañá na Xerencia do hospital Clínico de Santiago e que será remitido ao SERGAS para o seu coñecemento.
Un escrito de cuxo contido informou ás portas mesmo do centro hospitalario, en representación do persoal, maioritariamente celadoras e celadores, María Carmen Iglesias Carrillo quen asegurou que, a día de hoxe, as traballadoras e traballadores adoitan atoparse con camas, nas diferentes unidades, que non se atopan en “condicións óptimas”.
Neste sentido, denunciou problemas de bloqueo de rodas ou fallos no sistema de freado “que dificultan o seu manexo” e, en consecuencia, “nos ocasionan problemas posturais e de soporte de cargas físicas evitables”. Deficiencias que en algunha situación, “debido ao mal funcionamento da cama, obrigan a precisar de dúas celadoras ou celadores para o seu transporte”. Un difícil manexo que, ante situacións urxentes “pode poñer en risco ao doente”, advertiu.
Iglesias apuntou tamén diferentes problemas de mantemento do chan, o que ocasiona a existencia de baches nos corredores o que, á súa vez, dificulta o tránsito das camas e ocasiona para as e os doentes disconfort.
Desnivel nos ascensores
Xunto a isto, María Carmen Iglesias, sinalou que ás veces tamén é dificultoso o acceso aos ascensores, polo desnivel entre o chan e o ascensor que existe en varios pisos mais tamén “polo uso non controlado, co que nos atopamos con longas esperas nos corredores para facer uso deles, en ocasións con pacientes portadores de oxíxeno de alto fluxo”.
Ademais denunciou os problemas que ocasiona a este colectivo a falta de mecanismos para transporte en camas e cadeiras de rodas.
Demanda de solución a estas deficiencias
A representante do colectivo explicou que foi precisamente esta situación a que os levou a preparar o escrito remitido á Xerencia e a demandar que se dopetn as medidas necesarias para resolver estes problemas.
Entre outras cuestións demandan o arranxo das camas avariadas e o seu mantemento periódico, segundo a normativa establecida, como tamén o arranxo das “fochancas” existentes nos corredores que dificultan o tránsito.
Requiren tamén o mantemento necesario para o equilibrado dos ascensores para que estean ao mesmo nivel do chan, ademais dun protocolo para o seu uso. Isto xunto coa dotación e renovación dos sistemas de soporte das balas de oxíxeno nas diferentes unidades e a dotación de sistemas de transporte, como carros auxiliares e outros sistemas de transporte específicos para camas e cadeiras de rodas.
O persoal demanda tamén formación específica para o persoal fixo eventual relacionada co transporte de oxíxeno medicinal.