Persoal do comercio reclama condicións laborais e salariais dignas durante a folga do domingo 26

Nacional - 27 Xul 2026

Persoal do comercio fixo folga este 26 de xullo, domingo de apertura autorizada, para esixir condicións laborais e salariais dignas e denunciar a precariedade e a sobrecarga de traballo que teñen que soportar. A folga convocada pola CIG-Servizos insírese na campaña iniciada coas concentracións dos pasados 6 e 27 de marzo, a xornada de paro do xoves 2 de abril e as protestas do venres 17 de xullo, e terá continuidade cunha nova xornada de folga o 15 de agosto.

A CIG-Servizos denuncia a sobrecarga de traballo que ten que asumir o persoal do sector, a falta de conciliación e uns salarios que apenas superan o SMI, mentres as empresas obteñen beneficios millonarios. Ademais, advirte da ofensiva patronal para centralizar a negociación colectiva e afastar a capacidade de decisión dos centros de traballo, polo que reclama o dereito a negociar en Galiza os convenios.

Por iso, con esta campaña de mobilizacións, a CIG-Servizos reivindica:

  • Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
  • Descanso e conciliación, con quendas e horarios estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que respecten o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos ou festivos.
  • Salarios xustos, implementando nos vindeiros convenios pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como responsabilidade, polivalencia ou dispoñibilidade.
  • Acordo marco galego conformando unha mesa de negociación que traballe na consecución dun Acordo Marco Galego de Comercio que recolla as necesidades específicas de todo o comercio galego e que protexa a negociación provincial fronte a estatal.