Persoal do comercio do metal pontevedrés mobilízase en Vigo para reclamar un convenio colectivo digno
O persoal do comercio do metal da provincia de Pontevedra comezou hoxe en Vigo o seu calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar a “proposta miserenta” da patronal. Traballadores/as do sector desenvolveron unha concentración -convocada pola CIG, CCOO e UGT- diante de Recambios Ochoa, empresa que fai parte da mesa de negociación.
A decisión de comezar coas protestas foi adoptada na asemblea que tivo lugar o pasado domingo no local da CIG de Vigo, que foi promovida pola propia central nacionalista -que ten a maioría absoluta da representación sindical no sector- xunto a CCOO e UGT. No encontro as centrais informaron do estado no que se atopan as negociación para renovar un convenio colectivo que leva dous anos caducado.
En concreto, abordouse a “miserenta oferta” achegada polo empresariado na última reunión: vixencia do convenio dende 2020 a 2023, sen incremento salarial nos dous primeiros anos anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. A proposta non contempla nin redución de xornada anual nin outras melloras das condicións laborais.
En consecuencia, os traballadores/as e as centrais sindicais tomaron a decisión de comezar unha campaña de información e de mobilizacións. Ao mesmo tempo, adiantaron que non descartan unha posíbel convocatoria de folga para defender os intereses do persoal do sector.
O convenio colectivo do sector do comercio metal abrangue actividades como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.