Persoal do comercio de alimentación mobilízase na Coruña, Compostela e Ferrol contra o bloqueo patronal da negociación
Traballadoras e traballadores do comercio de alimentación mobilizáronse o pasado sábado na Coruña, Compostela e Ferrol en rexeitamento ao bloqueo patronal á negociación do convenio provincial do comercio de alimentación. As mobilizacións realizáronse diante de supermercados Gadis e Froiz xa que son as dúas principais empresas por número de persoas traballadoras reguladas por este convenio e as que controlan a patronal.
Con estas mobilizacións, a CIG quere rexeitar a total paralización da negociación do convenio, xa que despois de catro reunións “a patronal nin sequera presentou unha proposta salarial”, malia que as empresas do sector están batendo récords de beneficios e levan anos incrementando as súas ganancias.
A central sindical denuncia “este bloqueo deliberado” por parte da patronal “que impide mellorar as condicións laborais de milleiros de traballadoras e traballadores” na provincia.
“A realidade diaria do persoal do sector está marcada por salarios baixos que non permiten facer fronte ao incremento do custo da vida, xornadas longas e irregulares, e horarios interminábeis que dificultan a conciliación. A isto súmase un traballo especialmente penoso, con cargas físicas elevadas, ritmos intensos e unha presión constante que afecta tanto á saúde como á calidade de vida”.
A parte social reivindica incrementos salariais dignos, a redución da xornada laboral máxima, horarios e calendarios que faciliten a conciliación con libranzas nas fins de semana, e que se recoñeza un complemento de antigüidade como xa existe no convenio provincial de Pontevedra.
Esta xornada de mobilizacións precedeu á reunión da mesa deste luns día 4 e constitúe o inicio dunha campaña de protestas que incluirán a convocatoria de folga, se Gadis e Froiz continúan bloqueando a negociación.