Persoal do colexio Sagrado Corazón do Deza mobilízase para reclamar o pago dos salarios pendentes
A práctica totalidade do persoal do colexio Sagrado Corazón do Deza ao que se lle adebeda entre tres e catro salarios participou hoxe no paro e na mobilización convocada pola CIG-Ensino ás portas do centro en Lalín para reclamar o pago das débedas. No caso de que a dirección non atenda as súas demandas, anuncian que incrementarán unhas protestas que polo de agora se repetirán o vindeiro xoves.
Dende a federación de Ensino da CIG de Pontevedra explican que as traballadoras/es afectadas/es, arredor de 20, desenvolven o seu labor nos servizos non concertados, xa que o resto do persoal cobra puntualmente da Consellaría de Educación.
Diante disto, reclámanlle á dirección que poña fin a esta situación de xeito inmediato, porque do contrario intensificarán unhas mobilizacións que comezaron o pasado xoves cunha concentración diante do centro e seguiron hoxe con outra protesta ás portas do colexio coincidindo coa convocatoria dun paro dunha hora.
As accións de presión terán continuidade o vindeiro xoves cun nova paro dunha hora, acompañado doutra concentración de 12:30 a 13:30 horas.