Persoal do Club Financeiro Atlántico mobilízase para esixir cobro dos seus salarios e a dimisión da xunta directiva
Traballadores e traballadoras do Club Financeiro Atlántico concentráronse este venres diante das instalacións da entidade en demanda do pago dos salarios que se lles adebedan (dúas mensualidades) e para denunciar "a incompetencia e a incapacidade de xestión do presidente e da xunta directiva que arrastrou ao club a un concurso de acredores sen posibilidade de continuar coa actividade".
Na protesta, que se desenvolveu coincidindo co paro laboral de dúas horas convocado para este venres, o persoal demandou a dimisión dos responsábeis "que utilizaron a institución para os seus intereses particulares" e que agora pretenden culpabilizar do posíbel peche ao propietario do edificio alegando que aumentou o prezo do alugueiro até unha cifra que non poden afrontar.
Neste senso, o delegado de persoal da CIG, Manuel Soñora, desminte estas afirmacións e lembra que hai unha orde de desafiuzamento co club polo impago reiterado do alugueiro. "O que non mencionan os responsábeis é que se deben catro anos de alugueiro e que non posúen un contrato en vigor para desenvolver a actividade, xa que o propietario non está disposto a renovar", explica.
Cómpre subliñar que o propio Club Financeiro xestiona os servizos que presta ás socias e socios (cafetería, restauración, perruquería, ocio e actividades deportivas, mantemento) dende que no ano 2015 se fixo coa xestión directa que até ese momento tiña concesionada a Remocsa, empresa que tamén acabou en concurso de acredores e que formaba parte do mesmo grupo empresarial que o club.
Agora, logo dunha desastrosa xestión e cun pasmoso silencio por parte dos socios e socias, o Club está en concurso de acredores e sen posibilidade de continuar coa súa actividade. O persoal non está disposto a consentir que se siga acumulando débeda salarial e a que se sigan vulnerando os seus dereitos, polo que acordou convocar un calendarios de paros e mobilizacións que continuarán os días 14 e 21 de febreiro.