Persoal do CHUAC mobilízase para esixir o cese da dirección de enfermería
Persoal de enfermería do CHUAC mobilizouse este venres no Hospital da Coruña para esixir o cese de toda a dirección de enfermería. A Comisión de Centro, que convocou a protesta, xa demandara con anterioridade o cese tanto diante da Xerencia como do SERGAS, pedíndolles que intercederan, "pero non só non se tivo en conta a nosa demanda, senón que non se produciu ningún cambio na dirección".
A protesta iniciouse cunha concentración na rotonda de acceso ao hospital, continuou cunha pequena marcha rodeando o edificio para despois dirixirse ás oficinas da Xerencia, onde o persoal reclamou a intervención do xerente, quen se limitou a manifestar que ían tratar de solución a situación.
Mingua da presenza de enfermería na toma de decisións
A secretaria da Comisión do CHUAC, Lucía Peón Soutiño, explica que a traxectoria da dirección de enfermería "está caracterizada pola mingua continua da presenza da disciplina enfermeira na toma de decisións, pola recuperación de arcaicas formas de supeditación dentro da organización sanitaria e polo descoñecemento das necesidades e dificultades asistenciais das distintas unidades e centros". Isto, engade, "conduciu ao colectivo enfermeiro da nosa área a un claro retroceso da profesión que compromete tanto o seu presente como o seu desenvolvemento futuro".
Neste senso, a Comisión denuncia que na xestión de Recursos Humanos o persoal de enfermaría "está a soportar unha constante desorganización, improvisación, así como unha incapacidade de adiantarse ás demandas, que o ano de pandemia non fixo máis que empeorar". A tal punto, que actualmente se está vulnerando o acordo de libranzas de 2001, denegándoselle a estas profesionais as libranzas, "mesmo horas antes do seu goce, de xeito verbal ou por medios informais e non debidamente acreditados".
Por estas razóns, a comisión de Centro acordou convocar esta primeira mobilización demandando o cese inmediato de toda a dirección de enfermería "posto que o persoal de enfermería da área sanitaria merece un respecto tanto á súa profesión como aos dereitos laborais adquiridos".