
Persoal do CHUAC concéntrase nas urxencias para reclamar un entorno seguro para doentes e profesionais

Ducias de traballadoras e traballadoras do CHUAC concentráronse este martes na porta de Urxencias do Hospital da Coruña en rexeitamento ás agresións sufridas por persoal deste servizo no día de onte e para reclamar que se garanta un entorno seguro para doentes e profesionais na sanidade pública.
A presidenta da Comisión de centro do CHUAC e secretaria da CIG-Saúde da Coruña, María Formoso, subliña que o acontecido onte "non é un feito illado" e, ao entender do órgano de representación, se podería ter evitado xa que "levamos meses denunciando a situación dos/as doentes, tanto axitados coma de saúde mental, no servizo de urxencias do HUAC".
Advertencias reiteradas do persoal
Explica que o propio persoal de urxencias do Hospital da Coruña e da unidade de agudos de Oza enviaron varios escritos á Xerencia, direccións de RRHH, e incluso á Comisión de Humanización do CHUAC, informando das circunstancias nas que se atopaban os/as doentes e traballadoras/es, o persoal insuficiente, a falta de seguridade...etc.

A este respecto, a Comisión de centro sinala que "urxencias é un servizo para unha atención inmediata a pacientes, non é unha unidade de hospitalización, polo que os/as pacientes non poden estar longas estancias neste servizo, xa que non dispón dos espazos axeitados nin do persoal especialista coa formación específica".
Denuncian que, a día de hoxe, hai pacientes de saúde mental en urxencias "que levan máis dunha semana neste servizo" e que desta situación "é plenamente coñecedora a Xerencia, xa que este problema foi tratado de xeito recorrente en diferentes reunións, pero non se tomaron as accións necesarias".
Ao contrario, critican que a única medida adoptada hai uns meses pola Xerencia a falta de camas "foi dispoñer no servizo de rehabilitación pacientes co persoal de enfermería facendo garda nas portas das habitacións (sentadas nunha cadeira), o que vulnera o dereito á intimidade dos/as pacientes e a seguridade dos/as profesionais".
Falta de recursos para a atención en saúde mental
A Comisión de centro do CHUAC leva tempo esixindo o incremento de camas e profesionais na unidade de agudos. Na última reunión paritaria do 27 de decembro de 2024 esixiuse á Xerencia unha solución inmediata aos problemas que viñan sufrindo estes/as doentes de saúde mental no servizo de urxencias, debido ás longas estancias e aos espazos inadecuados, á falta de persoal para as vixilancias que deben ser individualizadas, así coma o apoio do persoal de seguridade e protocolos axeitados que permitan traballar con garantías para a saúde de doentes e profesionais.

Pero "a Xerencia non achega solución, non modifica nada, nin tampouco achega previsión de futuro". Nesta liña apunta á responsabilidade do conselleiro de Sanidade "por non achegar recursos para a atención da saúde mental dos/as doentes da área sanitaria de A Coruña- Cee. Iso demostra o compromiso da Consellería para con este tipo de patoloxías".
Por todo isto, a Comisión condena os actos acontecidos no día 3 no servizo de Urxencias e todos aqueles que veñen padecendo as/os profesionais e esíxelle a Xerencia que tome medidas inmediatas "porque os/as profesionais temos dereito a traballar en condicións seguras".