Persoal do centro de chamadas do 061 mobilízase para reclamar a readmisión de dous compañeiros
Traballadores/as da empresa Fidelis, concesionaria do centro de chamadas do servizo de urxencias sanitarias do 061 en Galiza, desenvolveron hoxe unha mobilización no complexo administrativo da Estrada para reclamar a readmisión de dous compañeiros que veñen de ser despedidos. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, anuncian a convocatoria de novas protestas a semana que vén no caso de que a Xunta non se implique no conflito laboral.
Precisamente con este obxectivo a representación sindical xa lle remitiu unha solicitude de xuntanza á Fundación Pública 061, “polo que se antes de sete días non recibimos resposta volveremos á rúa”, anuncian. Tamén adiantan que presentarán unha denuncia no Xulgado porque entender que os despidos foron feitos en fraude de lei, xa que aínda que a empresa sostén que se trata de dúas finalizacións de contrato o certo é que os afectados teñen unha media de sete anos de antigüidade na compañía.
A protesta de hoxe comezou media hora antes do inicio da xuntanza prevista entre o comité (3 delegados/as da CIG, 1 da CUT e 1 da USO) e a dirección para negociar distintas cuestións laborais como as quendas e as vacacións.
Durante a concentración celebrada ás portas do complexo administrativo da Estrada -no que se atopan as instalacións do centro de chamadas do 061- levouse a cabo tamén unha asemblea, na que se decidiu que a representación sindical acudiría á reunión coa empresa para comunicar que non negociarán nada até que os compañeiros sexan readmitidos.