Persoal do centro de chamadas de Bosch mobilízase en Vigo contra a vaga de despidos na empresa
Traballadoras/es do centro de chamadas de Bosch na rúa Barxa do Covelo de Vigo mobilizáronse hoxe coincidindo coa convocatoria dun paro dunha hora promovido pola CIG para rexeitar a vaga de despedimentos na empresa -máis dunha ducia nunha semana- e reclamar a readmisión das persoas afectadas.
Durante a concentración que tivo lugar diante das instalacións da compañía de 13:00 a 14:00 horas despregouse unha faixa demandando estabilidade no emprego e berráronse consignas como “As ETT despiden, Bosch culpable”, “A nosa situación, a súa mala xestión”, “Despedidos, readmisión” ou “Non aos despidos en Bosch”.
Dende a sección sindical da CIG explican que semanas atrás detectaron que a carga de traballo se ía reducindo en varias campañas do servizo a Repsol, “pero dende a capa de soporte aseguraban que non pasaba nada, que era algo normal”. Mais a continuación producíronse reducións de horas de traballo, “que provocaron un importante descenso salarial”.
Diante disto, a representación da central sindical solicitoulle á empresa que as persoas traballadoras con xornadas de 20/25 horas puidesen xuntalas para evitar ter que vir todos os días da semana e así poder aforrar combustíbel. Tamén que os ratios do mes de maio non se tiveran en conta, “porque o feito de non ter traballo obviamente afecta ao volume de ventas”.
Pero Bosch, tal e como denuncian, caracterízase pola súa negativa a facilitar información, “non só a esta sección sindical senón a todo o comité”. De feito, a pasada semana a CIG solicitou unha reunión coa dirección, que non se produciu até hoxe. Nesta xuntanza a empresa xustificou os despidos por decisións adoptadas polas compañías cliente, e non concretou o futuro destas campañas.
Diante disto, a sección sindical decidiu convocar o paro -que foi secundado por un bo número de traballadoras/es- e a protesta como primeiro paso para rexeitar os despidos e reclamar a readmisión das persoas afectadas. “No caso de que sigan a producirse rescisións de contrato inxustificadas continuaremos coas mobilizacións”, advertiron.