Persoal do CAPD Souto de Leixa mobilízase contra o despedimento de tres traballadores/as
Traballadoras e traballadores do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa (Ferrol) realizaron unha concentración na mañá deste luns en protesta polo despedimento de tres compañeiras e compañeiros e exixirlle á empresa concesionaria do servizo (Samaín) a súa readmisión inmediata e que cesen as represalias.
O comité leva anos denunciando as deficiencias do centro a falta de persoal, e xa trasladou esta situación á Consellaría de Política Social (da que depende o CADP) e mantivo unha entrevista co director xeral de Persoas con Discapacidade o pasado día 9 de xuño para explicar as problemáticas existentes.
Explican que "conforme foron aumentando das traballadoras e traballadores foi aumentando tamén o control por parte da empresa: intentando controlar o que se escribe no libro de incidencias ou incluso mesmamente dirixir o que se ten que poñer e prohibíndolle a determinado persoal escribir nel". A isto súmanse "os continuos cambios de instrucións e das persoas responsábeis de dalas" e prácticas "que van contra o que xa determinaron sentenzas xudiciais como que é a administración de medicación por parte do persoal coidador".
Por se non fora abondo, a empresa aplica despedimentos disciplinarios motivados pola falta de persoal suficiente "que coloca as traballadoras nunha situación moi complicada ou por atreverse a deixalo reflectido por escrito".
A este respecto, alertan que Samaín (do Grupo Clece) leva anos recortando persoal en todas as categoráis (fisioterapia, terapeuta ocupacional, enfermería -de 5 profesionais hai 1 neste momento-); non cubre as baixas nin os días libres "polo que con quendas de persoal moi axustadas se non cubre a quen falta en cada quenda provoca que a maior parte dos días se estea a traballar baixo mínimos". Este déficit de efectivos, tendo en conta a tipoloxía de centro e de persoas usuarias, "coloca ás traballadoras e traballadores nunha situación moi complicada".
Agora, estas carencias agrávanse co despedimento de tres traballadores/as de conserxería, un deles ademais delegado de persoal, alegando que por razóns organizativas xa non son necesarios.
"Consideramos que se trata dunha represalia cunha clara intención: calar a todos e todas as traballadoras que quedan e que asuman, sen protestar, todo o que a empresa queira encomendarlles", rexeita o comité.
Por iso, xa avanzan que "non nos calarán" e que seguirán denunciando "os abusos por parte do persoal de dirección da empresa e que exiximos a readmisión inmediata dos/as tres traballadores/as despedidos/as".