Persoal do Banco Sabadell rexeita con protestas en Vigo o ERE e o peche de oficinas previstos pola entidade

Desenvolveu concentracións diante de dúas oficinas ao berro de “Non hai motivos para os despidos”
Vigo - 30 Set 2021

Un nutrido grupo de traballadores/as do Banco Sabadell e delegados/as sindicais do sector da banca participaron hoxe en Vigo nas mobilizacións convocadas polas centrais con representación na entidade para rexeitar o ERE e o peche de oficinas (con 1936 despedimentos no conxunto do Estado e o peche do 38% das oficinas en Galiza).

A protesta conxunta desenvolveuse en dúas das oficinas que o Sabadell ten en Vigo: na da rúa Colón 26, de 11:00 a 11:30 horas, e na de Policarpo Sanz 3, de 11:30 a 12:00 horas. Alí despregaron unha faixa na que se podía ler “Non ao ERE no Sabadell” e berraron consignas como “Non hai motivos para os despidos” ou “Sabadell escoita, estamos en loita”.

Ao tempo que se desenvolvían as mobilizacións, na reunión de hoxe da mesa negociadora a dirección fixo unha tímida proposta de rebaixa de despidos (de arredor de 200), que concretará na vindeira xuntanza que terá lugar o martes. 

A entidade contempla o peche do 38% das oficinas galegas

Segundo explican dende a sección sindical da CIG no Sabadell, o banco, seguindo o camiño marcado por outras entidades, presentou un ERE para despedir en todo o Estado 1936 persoas máis, despois de desfacerse de 1800 traballadores/as no primeiro trimestre do ano. As xustificacións, segundo explica o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, son iguais que as dos demais. De feito, quen asesora ao banco é o mesmo bufete de avogados/as especialistas en despedimentos no sector financeiro.

Entre outras cuestións a entidade alega a maior dixitalización da clientela, que a CIG cualifica de “forzada e inmoral”, para a que aproveitaron a situación de pandemia que vivimos desde o ano 2020, cando, afirman, “a clientela o que demanda é atención presencial”. Como demostración Río apunta as longas colas e a sobrecarga de traballo que se acumula nas oficinas. “Expulsan á clientela das oficinas para xustificar despedimentos”, lamenta.

Xunto a isto explica que o banco di que ten unha baixada de marxes e de rendibilidade, “mentres acribillan a comisións aos e ás clientes e restrinxen servizos, ao tempo que declaran beneficios de 220 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, un 51% máis que o ano pasado”. Por iso considera que “a única meta do Banco Sabadell é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seu accionariado”, tal e como asegurou nos medios de comunicación o propio conselleiro delegado da entidade, César González-Bueno.

Redución en custos de persoal

Para a sección sindical da CIG, o que busca o banco é unicamente reducir custos, mais recortando só os gastos de persoal, “que é quen produce os beneficios”. Nese sentido apuntan a contradición de terse a entidade desfeito de 1800 persoas a principios deste ano para contratar 200 persoas despois “porque non daban feito co traballo”.

Isto xunto coa contratación dunha decena de colaboradores/as con salarios millonarios para reorganizar a cúpula directiva e a quen sinalan como “fichaxe estrela”, César González-Bueno, ao que acusan de estar “á fronte desta nova desfeita de despedimentos”.

Diante disto, as centrais sindicais elaboraron un calendario de mobilizacións que comezou o pasado xoves 23 en Santiago, que hoxe tivo continuidade en Vigo, e que, na vindeira semana, desenvolverase deste xeito:

LUNS 4 DE OUTUBRO:

-Paro de 15 minutos en todas as oficinas, de 10:00 a 10:15 horas.

MARTES 5 DE OUTUBRO:

-Paro de 60 minutos en todas as oficinas, de 10:00 a 11:00 horas.

MÉRCORES 6 DE OUTUBRO:

-FOLGA DE 24 horas, con MANIFESTACIÓN NA CORUÑA, que sairá as 11:30 horas dende a oficina principal do Cantón Grande, 6.

VENRES 8 DE OUTUBRO:

-FOLGA DE 24 horas, con MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA, que sairá as 11:30 horas dende a oficina da Rúa do Hórreo, 33.